CULTURA

Cineuropa premia a ollada diferente cos máis desfavorecidos do director arxentino Pablo Trapero

19/11/2008 O director arxentino Pablo Trapero recibiu de mans do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o Premio Cineuropa 2008 en recoñecemento á súa traxectoria. Tras a gala de entrega, presentada pola actriz Camila Bossa e amenizada polo Cuarteto de Chelos da Real Filharmonía de Galicia, proxectouse o último filme do realizador, Leonera.

Sánchez Bugallo indicou que os filmes de Pablo Trapero, "baixo unha mirada que conxuga o real e o poético, retratan a xente normal en actividades cotiás que revelan situacións de inxustiza e problemáticas actuais. O de Trapero é ese tipo cine que nace da imperiosa necesidade de saír a contar o que pasa ao noso redor, que lle pasa á xente que coñecemos e que nos cruzamos pola rúa."

O seu cine "de calidade, rabioso e incómodo" está a recadar "o apoio da crítica e, o máis importante, a confianza do público, algo que nun país como o seu, ao que a crise que se vive a nivel mundial afecta de xeito se cadra máis fero, pode funcionar como resorte, como revulsivo para outras persoas que tamén senten a necesidade de contar algo, de crear, de denunciar e de soñar cun mundo mellor", engadiu o alcalde antes de cederlle a palabra ao premiado.

O director arxentino, aos seus 37 anos, sitúase xa como unha das grandes figuras do cinema contemporáneo do seu país. Nado en Ramos Mejía, provincia de Bos Aires, en 1971 e realizou os seus estudos como director na Universidade de Cine (FUC) da capital arxentina. Comezou realizando curtametraxes colectivas xunto a outros compañeiros de facultade que tamén rematarían na realización como Bruno Stagnaro, Adrián Caetano ou Ulises Rosell.

En 1999 estreou a súa primeira longametraxe en solitario, Mundo grúa, que fixo parte do Festival de Venecia (premio da crítica), Rotterdam (mellor filme), A Habana (premio especial do xurado), Toulouse (mellor filme), Friburgo (mellor filme) e Bos Aires (mellor director e mellor actor a Luis Margani). Logo de realizar El Bonaerense funda a produtora Matanza Cine, coa que non só financia os seus propios filmes, senón que impulsa producións arriscadas a anovadoras do novo cinema arxentino asinadas por Lisandro Alonso, Albertina Carri, Enrique Bellande ou Álex Bowen. Pouco despois inicia a realización do seu terceiro filme, Familia Rodante, co que emprende un amplo percorrido por festivais de todo o mundo.

Realidade social
Trapero compareceu ante os medios de comunicación horas antes de recibir o Premio Cineuropa 2008. Acompañárono o director do Festival, José Luis Losa, e a concelleira de Cultura, Socorro García Conde.

A concelleira sinalou que a elección de Pablo Trapero como premio Cineuropa 2008 responde a unha vontade firme do Festival por reflectir a realidade social do mundo contemporáneo. Neste senso, a edil destacou "a ollada diferente que ofrece Trapero, situado sempre ao carón dos máis desfavorecidos do sistema".

Socorro García destacou a oportunidade única que ofrece Cineuropa de poder gozar, ao longo do Festival, de todas as longametraxes deste autor, dende Mundo grúa, ata Leonera, o seu último filme.

Pablo Trapero, pola súa banda, mostrouse feliz polo recibimento do galardón e sinalou a súa ledicia polo feito de que os seus filmes "acadan unha vida independente, unha vez que os remato, estabelecendo diálogo con espectadores de todo o mundo" que escapan ao control do propio autor. Trapero destacou a oportunidade que lle ofrece Cineuropa de poder entrar en contacto directo cun público concreto como é o compostelán.

O cineasta arxentino, un dos pais do movemento cinematográfico que se coñece como Novo Cinema Arxentino, afirmou que a súa carreira, dende a realización de Mundo grúa en 1999, está a pasar moi axiña, e destacou, á par da súa carreira cinematográfica, o seu labor como produtor, dentro da compañía independente Matanza Filmes, no que apoia creacións arriscadas dalgúns dos seus compañeiros de xeración.

Compartir: