UMAD

Os usuarios da UMAD realizan unha curta sobre a dificultade de tomar decisións

19/11/2008 A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou a curtametraxe Buxaina, realizada polos usuarios da Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD), actividade que se inclúe no programa socieducativo do centro.

Esta é a terceira curtametraxe que, conxuntamente con Xan e Lois teñen un problema e Lazos, conforma a triloxía realizada neste obradoiro ata o momento. Nesta ocasión, a convivencia e colaboración realizouse con alumnos de 2º curso de Educación Social da USC dentro da materia de acción educativa da marxinación.

En 2006 iníciase a experiencia de incluír nas actividades do programa socioeducativo da UMAD o teatro e a gravación de curtas como forma de expresión. Estas manifestacións son empregadas como unha ferramenta de intervención socioeducativa, para aprender a traballar dende as capacidades e características do grupo de usuarios da UMAD, conxuntamente con outros colectivos.

O teatro e o cine na práctica socioeducativa son un punto de encontro que asocia o cultural, o educativo e o artístico, chegando a transformarse nunha ferramenta da inserción social. Son instrumentos educativos e de formación persoal, que axudan a crear vivencias relacionais e comunicativas, dentro dun marco social.

Nesta última ocasión a colaboración realizouse con alumnos e alumnas de 2º curso de Educación Social da Universidade de Santiago de Compostela. Esta actividade presentada ten un obxectivo concreto: transformar ao participante en protagonista e axudarlle a resolver os conflitos reais.

Poboación de alto risco
O proxecto socioeducativo encádrase dentro do eido dos programas asistenciais da UMAD, xa que o grupo de persoas para as que se dirixen estas accións educativas son xeralmente poboación de alto risco, polos seu problemas de adiccións, aínda que non quedan excluídas outras persoas co outras características. O proxecto iníciase no ano 1999 coa intención de completar a oferta de posibilidades ás persoas drogodependentes no eido educativo e facilitarlle a inserción social.

Xeralmente despois dunha etapa escolar (moitas veces sen concluír os estudos básicos) é precisa unha educación permanente para que as persoas estean ao corrente na evolución dos coñecementos e das técnicas, e ademais para dar resposta ao problema crecente do tempo de lecer na súa inserción.

Documentos relacionados



Compartir: