TURISMO

O cociñeiro Iago Castrillón inaugura "Merco e cociño con..."

18/11/2008 O programa gastronómico Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, continúa o sábado 22 de novembro cun innovador taller gastronómico co cociñeiro Iago Castrillón. Baixo o nome Merco e cociño con... desenvólvese unha actividade na que os participantes realizarán primeiro unha compra dos produtos guiados polo cociñeiro responsable do taller para despois preparalos nas cociñas do Hostal dos Reis Católicos.

O obxectivo da Concellaría de Promoción Económica e Turismo é converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Estas actividades gastronómicas están dirixidas tanto ás persoas que nos visitan como aos veciños e veciñas de Santiago, previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

O taller comeza ás 10 da mañá, cando os participantes se dirixirán ao tradicional Mercado de Abastos para mercar, aconsellados nesta ocasión por Iago Castrillón, os produtos de temporada que posteriormente cociñarán seguindo as súas indicacións. Ao finalizar a súa preparación, degustarán os diferentes pratos elaborados. O prezo da actividade é de 20 euros e hai 15 prazas dispoñibles.

Iago Castrillón é o cociñeiro do restaurante Acio, gañador do Premio á Mellor Tapa do Concurso SANTIAGO(é)TAPAS, organizado por Turismo de Santiago en xullo. No seu estabelecemento, con menos dun ano de vida, practica unha cociña imaxinativa baseada no produto de temporada. A próxima cociñeira en participar en Merco e cociño con... é Beatriz Sotelo, primeira muller gañadora do premio Mellor Cociñeiro no ano 2008, o sábado 13 de decembro. Tamén participarán Marcelo Tejedor e Pepe Solla, posuidores de estrelas Michelín, e Pedro Roca.

O sábado 29 de novembro continúa o programa de actividades relacionadas coa cociña de outono cunha cata de viños da D.O. Rías Baixas maridados con queixos da D.O. Tetilla.

Compartir: