EMPREGO

Once novos cursos para mellorar a competitividade na construción e no comercio

18/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores da construción e do comercio. Son 11 novos cursos enmarcados no Plan de Formación Continua e na Rede de Cooperación Local, que suman 394 horas lectivas e contan cun orzamento de 75.200 euros.

O proxecto da Rede de Cooperación Local ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a Universidade de Santiago. Búscase aumentar a capacitación profesional do alumnado mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos que amplíen as súas expectativas de inserción no mercado laboral. Os cursos están dirixidos a desempregados e ocupados do sector da construción e do comercio en activo.
Este plan consta de dous eixes formativos: un dedicado a mellorar a cualificación de traballadores do sector da construción, e outra parte deseñada especificamente para o sector comercial e turístico.

Sector da construción
No eido da construción son 10 accións formativas que suman 274 horas lectivas. Os cursos foron seleccionados polas propias empresas e están deseñados para poder compaxinalos co traballo diario, fomentando o uso da teleformación naquelas materias que o permiten.

Tratase de accións formativas moi específicas sobre novos procedementos e tecnoloxías aplicables á construción nos ámbitos da utilización das enerxías renovables, fontanería, revestimentos de fachadas, acabados de construción, idiomas, publicidade, informática, etc. Os distintos cursos organizaranse en grupos de 6 a 15 persoas. O prazo de inscrición establecese entre o 19 e o 26 de novembro. Os cursos realizaranse entre o 22 de novembro e o 13 de decembro.

Sector comercial e turístico
No caso dos cursos destinados ao sector comercial e turístico, o seu obxectivo é acadar a necesaria coordinación da oferta formativa coas necesidades de formación, potenciar o interese dos comercios pola formación e mellorar e manter uns niveis de cualificación profesional axeitados á demanda de calidade de servizo esixida polo consumidor.

Consta dunha acción formativa, Escaparatismo e interiorismo, que ten unha duración de 120 horas. Esta actividade contempla o ofrecemento a 40 comercios da cidade, previa convocatoria pública, dos servizos dun profesional experto na materia. Este profesional asesoraraos a modo de consultoría/curso personalizado sobre interiorismo e escaparatismo durante un tempo estimado de tres horas. O prazo de inscrición establécese entre o 19 e o 26 de novembro. O curso realizarase entre o 27 de novembro e o 13 de decembro.

Plan de formación continua
A ampliación da oferta de formación continua tamén se realiza ante a demanda que están a ter as accións formativas programadas na anterior edición do plan, presentada no mes de agosto, na que se ofertaban 12 cursos, dous presenciais e dez por teleformación. Para estas 12 accións formativas presentáronse 260 solicitudes. Neste momento estanse desenvolvendo os dez cursos de teleformación, nos que participan 98 alumnos. Para estas sesións presentáranse 168 solicitudes.

Os cursos presenciais Photoshop básico e Presentacións eficaces: Power Point e Publisher básico, impartidos entre o 15 de setembro e o 9 de outubro do 2008 na sede da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, remataron cun alto grado de satisfacción por parte do alumnado. Para estes cursos presentáronse 92 solicitudes e 32 persoas recibiron formación.

Compartir: