CULTURA

O director arxentino Pablo Trapero recibe o premio Cineuropa 2008

18/11/2008 O mércores 19 de novembro chega a Compostela Pablo Trapero, un dos grandes protagonistas do Festival Cineuropa 2008. O director arxentino, aos seus 37 anos, sitúase xa como unha das grandes figuras do cinema contemporáneo do seu país. Logo da cerimonia de entrega do premio Cineuropa, que se celebrará ás 21:00 horas no Teatro Principal presentada pola actriz Camila Bossa e amenizada polo Cuarteto de Chelos da Real Filharmonía de Galicia, proxectarase Leonera, a súa última creación.

Pablo Trapero naceu en Ramos Mejía, provincia de Bos Aires, en 1971 e realizou os seus estudos como director na Universidade de Cine (FUC) da capital arxentina. Comezou realizando curtametraxes colectivas xunto a outros compañeiros de facultade que tamén rematarían na realización como Bruno Stagnaro, Adrián Caetano ou Ulises Rosell.

En 1999 estreou a súa primeira longametraxe en solitario, Mundo grúa, que fixo parte do Festival de Venecia (premio da crítica), Rotterdam (mellor filme), A Habana (premio especial do xurado), Toulouse (mellor filme), Friburgo (mellor filme) e Bos Aires (mellor director e mellor actor a Luis Margani). Logo de realizar El Bonaerense funda a produtora Matanza Cine, coa que non só financia os seus propios filmes, senón que impulsa producións arriscadas a anovadoras do novo cinema arxentino asinadas por Lisandro Alonso, Albertina Carri, Enrique Bellande ou Álex Bowen. Pouco despois inicia a realización do seu terceiro filme, Familia Rodante, co que emprende un amplo percorrido por festivais de todo o mundo.

Cineuropa 2008 ofrece aos afeccionados ao cinema de Compostela unha oportunidade única de gozar da obra dun dos cineastas máis importantes do panorama contemporáneo, do que se proxectarán no Festival todas as súas longametraxes. Á gala de entrega do premio Cineuropa estaba previsto que asistirá Martina Gusman, parella do director e actriz-fetiche de Trapero nas súas últimas creacións, pero problemas de axenda de última hora impiden que Gusman estea en Compostela.

Máis cinema arxentino en Cineuropa 2008
Mais o protagonismo da cinematografía arxentina na xornada do mércores 19 de novembro non remata con Pablo Trapero. Ás 20:00 horas, na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, realizarase o primeiro pase de El hombre robado, de Matías Piñeiro. A protagonista do filme é unha moza arxentina que traballa de guía no Museo de Arte Español Enrique Larreta e está obsesionada co libro Campaña no Exército Grande de Domingo Faustino Sarmiento.

Asemade, nesta mesma xornada, comezan a proxectarse pezas doutro dos protagonistas deste Cineuropa 2008, o director canadense Guy Maddin. Deste controvertido autor pasarase o seu último filme, My Winnipeg, na que Maddin bota man dun imaxinario fascinante e un sentido do humor sobordante co que gañou un sitio privilexiado entre os cineastas de culto de todo o mundo.

Récord de público en Gomorra
Cineuropa 2008 achégase ao seu ecuador cun importante éxito de público e varios filmes especialmente valorados polos afeccionados ao cinema que acoden ao Festival. Especial relevancia acadou a proxección de Gomorra, filme de Matteo Garrone que relata a historia recente da camorra napolitana. A obra obtivo un cheo total nas catro proxeccións que ofreceu Cineuropa 2008, o que supón un fito histórico nas 22 edicións do certame.

Ademais, comezan a chegar os resultados das votacións do público dos distintos filmes proxectados ata o momento en Cineuropa. Nunha primeira análise, destaca a elevada puntuación de tres longametraxes que se sitúan claramente destacados na clasificación ao superar o 8 de puntuación media. Trátase do filme israelí de Eytan Fox A burbulla (8.4), da sección Panorama internacional; o documental estadounidense de Florian Opitz A gran venda (8.3), do programa Documentos: memoria e presente; e a longametraxe alemá A onda, asinada por Dennis Gansel, situada na Sección Oficial.

Compartir: