ALCALDÍA

O alcalde compostelán recibiu a Orde de Honra do Tenedor de Oro

17/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a Orde de Ouro do certame Tenedor de Oro, nunha cerimonia que se celebrará no Hotel Los Abetos a partir das 20.30 horas. Esta distinción, outorgada pola Asociación Cultural Gastronómica Tenedor de Oro recoñece o seu apoio á hostalería compostelá e da comarca, cuxos establecementos teñen dado un importante pulo á proxección da gastronomía galega.

Sánchez Bugallo recibiu a Orde de Honra de mans do director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois. O alcalde é a décima personalidade que se incorpora a esta selecta Orde de Honra Tenedor de Oro, destinada a persoas físicas e xurídicas que desempeñaron importantes iniciativas encamiñadas a potenciar a hostalería dentro e fóra de Galicia.

O discurso do rexedor compostelán pechou o acto. Antes entregáranse os Tenedores de Oro a sete estabelecementos hostaleiros galegos noutras tantas categorías. O acto foi conducido polo xornalista Pichi Varela.

O Tenedor de Oro é unha iniciativa nacida co obxectivo de promocionar e dar a coñecer os establecementos de hostalería galega dentro e fora da Comunidade Autónoma. Ademais, quere promover entre a poboación o coñecemento do sector hostaleiro e da gastronomía, e potenciar a modernización e posta en valor do patrimonio culinario galego. O certame, mediante votación popular, premia aos restaurantes en sete modalidades: cociña tradicional, cociña internacional, parrillada/asador, novas tendencias, marisquería, mesón rural e hotel restaurante/banquetes.

Pero como o Tenedor de Oro non só quere premiar a calidade dos pratos preparados nos estabelecementos galegos, senón tamén as actividades de promoción turística e o esforzo por dinamizar este sector gastronómico, creouse o club Orden de Honra ao que se incorpora agora o alcalde.

Compartir: