CONSUMO

A OMIC e a Unión de Consumidores de Galicia promoven unha campaña informativa sobre a vivenda

17/11/2008 O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, e o presidente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios e secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, presentaron en rolda de prensa varias actividades relacionadas coas comunidades de propietarios e as Normas do Hábitat Galego.

En primeiro lugar, o martes 18 celebrarase unha mesa redonda sobre as Normas do Hábitat Galego. Nesta xuntanza, que terá lugar ás 19:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche, participarán a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta, Encarna Otero; o deputado autonómico Luís Toxo; o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López; o presidente da Federación de Promotores de Edificacións e Solo de Galicia, Javier Garrido; a presidenta da Unión de Consumidores de Galicia, Ana Oliveira; e o tesoureiro da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Miguel Serrano.

Segundo Baqueiro, esta táboa redonda, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), está enfocada a que "os cidadáns actualicen os seus coñecementos xerais sobre a vivenda", a raíz da entrada en vigor (17 de abril de 2008) das Normas do Hábitat Galego.

López Crespo destacou a importancia de que toda a cidadanía coñeza a fondo estas Normas, que entre outros moitos aspectos, "mellorarán a accesibilidade das vivendas para todas as persoas, ademais de garantir o respecto ao medio ambiente a través do aforro enerxético".

Guía dirixida ás comunidades de propietarios
O mércores 19, celebrarase ás 20:00 horas, tamén no Centro Sociocultural O Ensanche, unha charla-coloquio sobre as comunidades de propietarios. No acto intervirán Miguel López Crespo (Unión de Consumidores) e o secretario da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN), Rafael Rodríguez Rey.

Os propietarios de inmobles, a través das súas correspondentes asociacións de veciños, teñen a oportunidade de coñecer mellor deberes e dereitos nestas charlas informativas, nas que se entregará unha guía de consulta elaborada pola OMIC, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia. Editáronse 10.000 exemplares que tamén se distribuirán a través dos centros socioculturais da cidade, a propia OMIC e a Oficina de Atención Cidadá do Concello.

Segundo a OMIC, a convivencia entre veciños propietarios dunha comunidade require a miúdo coñecer ben as regras para promover a participación e colaboración, "sempre nun marco de relacións xustas e pacíficas". A guía destinada ás comunidades de propietarios fala das directrices básicas sobre convivencia, cotas ordinarias e extraordinarias, como asumir a presidencia da comunidade, xuntanzas, débedas e obras no edificio, entre outros aspectos relevantes.

As seguintes charlas celebraranse os días 26 de novembro, no centro sociocultural de Conxo, e o 2 de decembro no de Fontiñas.

Compartir: