ALCALDÍA

O alcalde atopa "correcta, positiva e complementaria" a proposta para Santiago do Plan Sectorial de Vivenda

14/11/2008 A previsión de 3.000 vivendas protexidas do Plan Sectorial de Vivenda para a zona de Mallou é considerada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo como "correcta, positiva e complementaria" coa actuación municipal en materia de vivenda. Esta dotación unirase ás 6.000 promovidas pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) no mesmo período.

Sánchez Bugallo considera "razoable" esta proposta, que é "plenamente respectuosa e coincidente co PXOM". Ademais, recordou que "non é ningunha sorpresa, porque xa adiantamos isto en outubro, xa que era un tema previamente falado co Concello". En calquera caso, indicou que este Plan Sectorial aínda non foi aprobado, xa que ten que pasar polo Consello da Xunta e polo período de exposición pública, momento en que calquera poderá facer alegacións.

As máis de 3.000 vivendas protexidas previstas por Vivenda para a área de Mallou uniranse ás 6.000 que promoverá EMUVISSA nos vindeiros oito anos. Unha parte destas construirase no SUD-4 da Pulleira, cuxo Plan Parcial sairá de novo a exposición pública en breve. En 2010 comezarán previsiblemente as obras deste polígono, cunhas 2.300 vivendas.

A outra bolsa de vivendas prevista por EMUVISSA neste período situase en Amio. Alí levantaranse unhas 3.000 vivendas grazas a unhas obras que comezarán no período 2012-2013. Na actualidade, están en marcha outras 2.000 vivendas.

Estación do AVE
O alcalde aproveitou a súa habitual rolda dos venres para anunciar que o luns 17 "haberá noticias" sobre o convenio para a construción da estación do AVE. Sánchez Bugallo desprazarase a Madrid para reunirse co presidente de ADIF, Antonio González Marín. Expresou a súa confianza en que esta xuntanza sirva para impulsar definitivamente esta infraestrutura.

Orzamentos
Sobre a marcha das negociacións para pechar os orzamentos para 2009, o alcalde apuntou o avance producido e considera "viable" que poidan quedar pechados antes de que remate novembro. De todos xeitos, dixo, "o compromiso é que estean aprobados nesta anualidade". Ademais, resaltou que as negociacións se están producindo "nun clima moi positivo, de colaboración e de gran conxunción do Goberno municipal".

Lembrou que a prioridade dos orzamentos serán "as políticas sociais e de emprego e a conservación dos centros escolares". A estes tres capítulos débese o incremento en torno ao 3% que rexistrará o gasto corrente. Noutros conceptos de gasto corrente voluntario, a conxelación será a tónica dominante, coa excepción dos contratos nos que se produce a actualización segundo o IPC.

Sánchez Bugallo insistiu na "solvencia" das contas municipais. "Santiago está aguantando mellor que a xeneralidade os embates da crise económica", concluíu.

Foro polo Civismo
Respecto a outro tema da semana, as conclusións do Foro polo Civismo, reiterou que "o noso obxectivo non é criminalizar á nosa xuventude, senón protexela e entendela". O rexedor municipal recordo que "nos vindeiros tres meses poremos en marcha as medidas principais" en torno a este tema. Neste sentido, anunciou para marzo de 2009 a entra en vigor das modificacións da Ordenanza de Convivencia e Limpeza, que impedirán a venda de alcohol dende as 22:00 ás 8.00 horas.

Compartir: