NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras segue a recoñecer o uso normalizado do galego no comercio

14/11/2008 A Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación convocan a IX edición dos Premios Manuel Beiras. Estes premios recoñecen o esforzo que realizan as empresas de Compostela no proceso de facer normal o uso da lingua galega.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, e o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey presentaron esta convocatoria, na que pode participar calquera empresa ou comercio radicado no noso municipio. Distínguense dúas categorías: empresas que teñen usado de xeito continuado a lingua galega e empresas que se incorporasen recentemente ao uso do galego. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade por salientar na súa contribución pola normalización da lingua galega no mundo empresarial.

A entrega de galardóns realizarase nun acto no que o idioma galego será o auténtico protagonista. No mesmo, os premiados recibirán unha escultura de Acisclo Manzano como recoñecemento.

As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata 1 de decembro para presentar a súa documentación. Só é necesario presentar unha proposta, cubrindo un formulario que se pode descargar das páxinas web do Concello (www.santiagodecompostela.gal) ou da Cámara de Comercio (www.camaracompostela.com). Tamén se pode recoller na Oficina de Atención ao Cidadán ou na Cámara de Comercio e entregalo de novo en calquera destas dúas entidades. É interesante presentar tamén documentación que apoie a candidatura e que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio.

O comercio é un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do noso idioma na vida cotiá da cidade. A posesión deste Premio é unha garantía máis de que os estabelecementos galardoados respectan o idioma galego. Cómpre lembrar que, segundo os estudos do Consello da Cultura Galega, máis do 75% da poboación prefire ser atendida en galego.

O nome do premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Os galardoados na edición de 2007 foron Cenlitrosmetrocadrado, Dado Dada e a Federación de Libreiros de Galicia.

Para calquera dúbida, os interesados poden dirixirse ao Departamento de Lingua Galega do Concello (981 542 409) ou á Cámara de Comercio (981 596 800).

Compartir: