DEPORTES

Andrés Fariña: "O deporte é unha gran escola de formación humana"

13/11/2008 A Fundación Compostela Deporte acolleu a presentación dos Premios Deporte e Vida, enmarcados dentro do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI), que contan cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros. Esta iniciativa está destinada a todos os clubs federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago e na súa comarca. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 22 de decembro.

Na presentación destes Premios, o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Andrés Fariña, subliñou que "o deporte é unha gran escola de formación humana se se fai ben -en colaboración cos adestradores, directivos, pais e nais, etc- e ao final sacamos un deportista xoven, educado para a sociedade".

"Considero que a Fundación ten un gran acerto promovendo esta iniciativa. E tamén é importante para a sociedade, que se vai beneficiar da formación destes rapaces(as) a través do seu traballo nas distintas empresas. E non hai que olvidar que estas están dirixidas por persoas, para as que temos que buscar que a través do deporte persigan a formación persoal dende o punto de vista de saber o que é a solidariedade ou traballo en equipo, entre outros valores", engadiu.

Fariña tamén comentou os obxectivos da convocatoria destes premios: "premiar aos clubes de Santiago e incentivar a súa tarefa a prol do deporte base da cidade; a formación dos(as) deportistas, técnicos e árbitros; favorecer os comportamentos cívicos e a transmisión de valores sociais e humanos a través do deporte; a sensibilización dos clubs e deportistas da importancia dos bos hábitos saudables; a mellora da educación cara á non violencia; a responsabilidade social corporativa nas empresas; e recoñecer publicamente ás entidades e persoas que apoian ao deporte".

Poderán beneficiarse dos Premios Deporte e Vida todos os clubes federados que desenvolvan a súa actividade deportiva no Concello de Santiago e na súa comarca. E os requisitos para optar aos mesmos son:

As solicitudes deberán ser formalizadas mediante instancia dirixida á Fundación, con domicilio no Estadio de San Lázaro, porta 16. Así mesmo, as anteditas solicitudes deben ir acompañadas dunha memoria explicativa dos méritos que reúne a entidade deportiva para ser merecedora do premio ou premios aos que decida optar, e presentar unha programación para a presente tempada (2008/09) a desenvolver coa remuneración económica do premio.

Para outorgar os Premios Deporte e Vida, a Fundación creará un Comité de Selección, coordinado por José Manuel Lobato, no que estarán representados: a Universidade de Santiago, as Federacións de deportes colectivos, as Federacións de deportes individuais, os árbitros (as); os pais e nais; e os empresarios (as). Os criterios de valoración atinxen a catro ámbitos: saúde, educación, benestar e non violencia.

No ámbito da saúde, valoraranse os seguintes aspectos: hixiene; alimentación/nutrición; controis médicos; prevención do consumo de drogas legais e ilegais e o fomento de hábitos saudables. No da educación: o fomento de valores como o traballo en equipo, a superación, o esforzo ou o compromiso; as actuacións no ámbito do comportamento; os plans de formación para adestradores, directivos e deportistas; ou o respecto polas instalacións e o material deportivo.

En relación co benestar, tomarase en conta: o fomento do deporte feminino; os programas solidarios con colectivos en riscos de exclusión; o deporte como reinserción social; a concesión de bolsas para os(as) deportistas con menos recursos ou o fomento da actividade deportiva na familia.

E no ámbito da non violencia, teranse presentes: os plans de prevención da violencia nos campos; o fomento da deportividade entre os(as) atletas do club; os clubs menos sancionados pola súa respectiva federación ou o respecto ás normas.

Documentos relacionados



Compartir: