EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

As Xornadas de Cultura Uruguaia traerán candombe e murgas a Compostela

27/09/2005 As xornadas, abertas aos composteláns de todas as idades, inclúen conferencias, concertos, danza e unha mostra do folcklor uruguaio, achegando á sociedade galega unha mostra das diferentes facetas culturais de Uruguai. Están organizadas polo Consultado Xeral de Urugai, o Concello de Santiago e a Asociación de Uruguaios en Compostela.

A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, xunto a Gonzalo Koncke Pizzorno, cónsul xeral de Uruguai, e Alejandro Magano, presidente da Asociación de Uruguaios de Compostela, presentaron as xornadas "Uruguaios connosco", que durante 3 días unirán a galegos e uruguaios, unha colectividade que cada vez se ve máis representada no noso país. Actualmente viven en Compostela arredor de 250 uruguaios, sinalou a concelleira de Emigración e Inmigración, que forman parte dos 7.000 que hai en Galicia e dos 60.000 que viven xa no conxunto do estado.

As xornadas comezarán o xoves 29 de setembro ás 20.30 horas no Centro Sociocultural "José Saramago" de Vite, nunha presentación que contará coa presencia de Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde compostelán, e Manuel Ruíz, Secretario Xeral de Emigración e Inmigración da Xunta de Galicia, ademais de Teresa Regúlez e Gonzalo Koncke, que falará sobre este país lationamericano.

Ao día seguinte, venres 30, haberá unha conferencia a cargo da artista uruguaia Luz Darriba, falará sobre a plástica uruguaia no conxunto hispanoamericana.

Así como a danza e a música galega "forman parte fundamental da paisaxe folcklórica uruguaia", explicou Teresa Regúlez, debido á emigración galega neste país, estas xornadas pretenden que os composteláns coñezan de primeira man a cultura uruguaia, da que é parte esencial o ritmo do candombe e as murgas típicas do antroido uruguaio, similares ás chirigotas que se festexan en Cádiz e noutros sitios de España.

Así, o sábado 1 de outubro haberá unha gran festa no pavillón de Santa Isabel na que se contará coa actuación do coro da Asociación 25 de Agosto, de A Coruña, e dos grupos de danza da Asociación Uruguaios polo Mundo, de Carballo e de "Raíces Charrúas", tamén da Asociación 25 de Agosto. O candombe virá a mao da Corda de Tambores de Vigo, e a música de cantautor será protagonizada por Numa Moraes. Ademais, o conxunto do carnaval uruguaio "La Murguera" traerá ao público unha pequena mostra dun dos entroidos "máis longos do mundo", pois dura arredor dun mes e medio, segundo explicou a concelleira de Emigración e Inmigración.

O peche das xornadas correrá a cargo da Banda de Nash e do grupo Bate que Bate, nunha gran verbena que busca amosar, sinalou Alejandro Magano, que "non só estamos para traballar senón que ademais sabemos volcar a nosa cultura", como cando noutra época non moi afastada "os galegos formaban parte do noso país".

Compartir: