CULTURA

Ábrese o ciclo audiovisual da exposición "Marxes e mapas"

13/11/2008 Abriuse na Zona "C" o Ciclo Audiovisual que complementa a mostra Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia, que se pode ver no Auditorio de Galicia ata o 1 de febreiro de 2009.

A mostra confórmase coma un proxecto con diversas direccións creativas que nos achegan a unha reflexión profunda sobre os cambios na creación da muller como autora, máis plural e máis narrativa, máis crítica e transformadora. A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle ata o 1 de febreiro do ano 2009 os universos creativos de 26 artistas mulleres cuxas traxectorias veñen determinadas polo proceso de traballo, pola heteroxeneidade das disciplinas, e polas diferentes liñas de investigación de cada unha delas.

Algunhas destas creadoras están directamente relacionadas coa videoación ou a videocreación. De aí a importancia de complementar o relato do Auditorio de Galicia cun Ciclo Audiovisual na Zona "C" e que permitirá visionar esta destacada opción de traballo que supuxo unha opción de ruptura.

O medio tecnolóxico converteuse pronto en alternativa a linguaxes vencelladas coa muller, presentándose como unha canle aberta ás artistas que afirmaron as súas traxectorias desde hai unha década. Ao tempo achégase ás integrantes das novas xeracións, propiciando nesta mostra a oportunidade de reforzar esa lectura, repensando as súas marxes, ampliando os mapas, no cambio de século.

Os traballos de Mónica Cabo, Rita Rodríguez, Mar Caldas, Maribel Castro, María Marticorena (en colaboración con Martín Marticorena), Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Loreto Martínez Troncoso, Carme Nogueira, Montse Rego e Antía Moure reflexionan acerca da capacidade das conexións entre creación e sociedade, nun cruzamento aberto entre o espazo privado e o territorio público. Repensan conceptos relacionados co social, desde a violencia, o drama, o cotián, o territorio. A Zona "C" convértese, deste xeito, nun lugar de marxes e mapas de experimentación, tentativas e resultados.

O Ciclo Audiovisual permanecerá aberto na Zona "C" (rúa San Domingos de Bonaval, 1) ata o 7 de decembro de 2008 e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Marxes e Mapas permanecerá aberta no Auditorio de Galicia (avenida Burgo das Nacións, s/n) ata o 1 de febreiro de 2009 e pode visitarse todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Na presentación este ciclo audiovisual estiveron a concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; e os dous comisarios da mostra Chus Martínez Domínguez e Xosé Manuel Lens.

Compartir: