MERCADOS

A Caravana dos Cativos trae a Santiago aos personaxes de animación máis populares

13/11/2008 O recinto feiral de Amio acollerá entre o 22 e o 23 de novembro o parque temático infantil A Caravana dos Cativos. Dirixido a rapaces con idades entre os 2 e os 14 anos, xuntará por primeira vez en Santiago nun único evento a multitude de personaxes de animación infantís.

A Caravana dos Cativos traerá ao recinto de Amio a personaxes actuais como Doraemon, Shin Chan ou Keroro e outros clásicos como os de Barrio Sésamo, Heidi ou as tartarugas Ninja. Todo isto complementado con actividades e obradoiros para os máis cativos, que ocuparán unha superficie de 10.800 metros cadrados.

O horario de apertura do evento será de 11:00 a 20:00 horas e as actividades desenvolveranse de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada para un día terá un prezo de 3 euros, mentres que para os dous días custará 5 euros. As entradas poden mercarse anticipadamente en Caixa Galicia (902 434 443 ou www.caixagalicia.es) ou no recinto feiral de Amio os días do evento.

Nunha das naves de Amio haberá un escenario e unha ampla zona de butacas para que os máis pequenos cos pais poidan gozar de numerosos espectáculos infantís. Tamén haberá unha zona de photocall para que os máis pequenos leven un recordo do seu paso pola Caravana dos Cativos.

En canto ás actividades, os rapaces poderán acceder a un simulador de Fórmula 1, a un túnel do vento ou a cadeiras voadoras. Un experto en cetrería realizará unha demostración sobre esta arte e os nenos de menor idade poderán divertirse nunha ludoteca infantil. Un camión con proxeccións, cuncas e bañeiras con motor, videoxogos, actividades deportivas, clases de baile, obradoiros e inchables completarán a oferta.

Ademais, se o tempo o permite, haberá actividades ao aire libre e funcionará o servizo Combici. Finalmente, unha zona de hostalería con bebidas e comida permitirá aos adultos descansar mentres os pequenos se divirten nas diferentes actividades programadas.

A Caravana dos Cativos foi presentada en Raxoi polo concelleiro de Transportes e Mercados, Carlos Nieves; a xerente da Fundación Caixa Galicia en Santiago, Ana Salgado; e o xerente do Multiusos, Santiago López Cuadrado.

Compartir: