ALCALDÍA

O Concello cede á FEGAMP unha parcela de máis de 2.000 metros cadrados para a súa nova sede

12/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández, asinaron a cesión da parcela, dunha superficie de 2.163 metros cadrados, na que se ubicará a nova sede da Federación Galega de Municipios e Provincias.

O Concello de Santiago de Compostela outorga á FEGAMP unha concesión sobre unha parcela ubicada no Solo Urbanizable Non Programado número 4 (SUNP 4) das Cancelas para que a destine a construír e implantar nela un edificio de actividades múltiples que sirva así mesmo de sede institucional. Esta concesión terá unha duración de 75 años.

Tras a sinatura do acordo de cesión, o alcalde compostelán expresou a súa satisfacción por que a nova sede da FEGAMP estea en Santiago. "Parece lóxico que os concellos e as provincias galegas teñan unha sede máis axeitada e, na medida do posible, preto das dependencias autonómicas", indicou Bugallo.

Pola súa parte, Carlos Fernández, apuntou que esta cesión permite iniciar os trámites para a construción da nova sede. "Esperamos facer un bo proxecto, á altura do contorno e da cidade", apuntou. O presidente da FEGAMP non descartou por en marcha un concurso de ideas para o proxecto. O obxectivo é que o edificio poida estar listo nun prazo de algo máis de dous anos e antes de que remate esta lexislatura municipal, en maio de 2011.

Reserva de usos para o Concello
A parcela cedida formaba parte dunha maior, a parcela EQ-PB integrante do Proxecto de Compensación do SUNP 4 do Camiño Francés. Destinada a equipamentos públicos, contaba cunha superficie total de 3.948 metros cadrados. Por acordo da Xunta de Goberno Local de 26 de novembro de 2007 resolveuse segregar da antedita parcela a porción leste da mesma, cunha superficie de 2.163 metros cadrados. A resultas desta segregación a finca matriz quedaría cunha superficie de 1.785 metros cadrados. O Concello de Santiago tamén decidiu outorgar a favor da FEGAMP unha concesión demanial sobre a parcela antes segregada.

En canto ao destino, a FEGAMP comprométese a empregar o inmoble obxecto de concesión para a construción e posta en funcionamento dun edificio de actividades múltiples que sirva de sede institucional da FEGAMP. Sen prexuízo do destino específico da parcela, como sede da FEGAMP e a súa utilización polo Concello como membro da mesma, o Concello de Santiago terá dereito ao uso gratuíto das instalacións para os seus fins en determinadas circunstancias.

O salón de actos e os despachos unidos ao mesmo poderán ser usado gratuitamente polo Concello para actividades culturais e outras que lle son propias durante 15 días ao ano ou noutras datas que o Concello o precise, previa notificación e compatibilidade coas actividades da FEGAMP. As aulas, salas de comisións e demais espazos do citado edificio - agás as adscritas a usos administrativos da FEGAMP- poderán tamén ser utilizadas gratuitamente polo Concello.

Ao acto de sinatura tamén asistiron os membros da executiva actual e os da anterior, que iniciaran os trámites. Da actual executiva estiveron o vicepresidente executivo e alcalde de Piñor, Francisco Fraga Cibeira; o vicepresidente segundo e alcalde de Allariz, Francisco Suárez García; e o vicepresidente primeiro e alcalde de Pontecaldelas, Perfecto Rodríguez Muíños. Da anterior lexislatura estiveron o presidente e alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; e o vicepresidente primeiro, Manuel Lagares Pérez. Tamén participaron no acto o secretario xeral da FEGAMP, Eduardo Ramonde Rodríguez, e o seu director xeral, Norberto Uzal Tresandí.

Compartir: