ALCALDÍA

A Ordenanza de Convivencia e Limpeza modificarase para prohibir a venda de alcohol durante a noite

12/11/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou publicamente as conclusións dos catro grupos de traballo do Foro polo Civismo: movida nocturna e convivencia, prácticas ambientais saudables, educación cívica e hábitos de consumo. Na liña das conclusións, anunciou que o Concello vai modificar a Ordenanza de Convivencia e Limpeza, a fin de poder prohibir a venda exterior de alcohol e a venda ambulante polas noites.

A propósito das conclusións do Foro e das medidas adoptar, resalto que "a nosa preocupación principal é o problema de saúde pública polo consumo de alcohol". Despois virían, dixo, o problema da convivencia e, en terceiro lugar, outros efectos como os da limpeza ou o vandalismo. Por isto, dixo, o Concello modificará a Ordenanza de Convivencia e Limpeza, aprobada polo Pleno en decembro de 2006.

Este cambio pretende adiantarse á probable demora na aprobación da Lei de Drogodependencias de Galicia. Permitirá prohibir a venda externa de bebidas alcohólicas entre as 22:00 es as 8:00 horas en todo tipo de locais: gasolineiras, tendas 24 horas...

Ademais, prohibirase a venda ambulante e a intención municipal é tamén a de poder decomisar estas bebidas vendidas irregularmente. Esta sería unha medida que, en palabras do alcalde "tería unha transcendencia pública que podería actuar como disuasoria". Estas modificacións poderían entrar en vigor nun prazo aproximado de tres meses, apuntou o alcalde.

Sánchez Bugallo reiterou que o obxectivo é "a protección da nosa xuventude". O Foro aposta "pola redución do consumo de alcohol e por educar nun consumo responsable", dixo. Neste sentido, recordou que a inxestión de alcohol non é un problema exclusivo da xuventude, se ben neste colectivo hai "un consumo máis compulsivo".

Páxina web e enquisa
Sobre as medidas inmediatas a por en marcha de forma inmediata, apuntou o lanzamento dunha páxina web "que permita abrir espazos para acceder á opinión directa dos mozos" ou a realización dunha enquisa "que nos de datos actualizados e propicie unha maior sensibilización". Precisamente, o alcalde lamentou a "escasa" participación dos máis novos nas cinco ou seis reunións que mantivo cada grupo de traballo.

Outras medida a estudar, segundo o alcalde, é "a recuperación dos locais nocturnos como espazos de socialización", se ben indicou que este é un tema "sobre o que aínda hai que reflexionar", ademais de estudar a compatibilidade normativa e coas licenzas dos locais.

O alcalde aproveitou tamén para defender os principios de "congruencia e proporcionalidade" na actuación municipal respecto ao botellón. A prioridade –dixo- segue a ser evitar este fenómeno en zonas habitadas ou espazos sensibles patrimonialmente, pero en ningún caso "converter isto nun problema de orde pública". En calquera caso, e a propósito das grandes concentracións de xente que pode propiciar o botellón, recordou que as competencias en materia de orde pública non son municipais.

Implicación da sociedade
Coa presentación das conclusións dos grupo de traballo iníciase unha segunda fase, a de posta en marcha do falado, na que se necesita a implicación de toda a sociedade. O Foro seguirá traballando nos obxectivos marcados querendo consolidarse coma un órgano consultivo de participación cidadá. Para iso o seu plenario reunirase trimestralmente, co obxecto de seguir tratando, analizando e buscando solucións a todos os temas relativos ao civismo.

Este órgano está integrado por 59 persoas entre as cales se atopan representantes do Goberno Municipal (das áreas directamente implicadas: Seguridade Cidadá, Educación, Benestar Social, Xuventude, Casco Histórico, Medio Ambiente, Urbanismo e Relacións Veciñais), dos grupos políticos da Corporación; da USC; das Policías Local, Autonómica e Nacional; da Garda Civil; de Protección Civil; da Cruz Vermella; do 061, das Consellerías de Educación, Sanidade, Industria e da Dirección Xeral de Xuventude dependente da de Vicepresidencia; dos Centros de Ensino Público, Concertado e Privado; das APAS; de alumnos da USC; de alumnos de centros de secundaria (públicos e privados); das asociacións de veciños, das asociacións de restauración, hospedaxe e ocio nocturno; da Cámara de Comercio; do Consello da Xuventude; da Asociación da Prensa; das asociacións xuvenís e dos sindicatos.

As catro áreas nas que se dividiu estiveron dirixidas pola concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano; a edil de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos; o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; e o subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta, Víctor Pedreira. Todos eles presentaron xunto ao alcalde as conclusións dos seus respectivos grupos. No caso do grupo de hábitos de consumo, a encargada de relatar as recomendacións foi a directora da UMAD, Pilar Bermejo.

Compartir: