CULTURA

Cineuropa 2008 achégase ao extremo oriente na sección Mundo Asia

11/11/2008 O Festival Cineuropa, organizado pola Concellaría de Cultura, ten amosado en edicións anteriores unha especial sensibilidade cara ás creacións procedentes de países orientais que nos permiten un achegamento profundo a unha cultura tan arredada como engaiolante. Na edición de 2008 os filmes procedentes do extremo oriente agrúpanse na sección Mundo Asia, composta por oito obras dalgúns dos autores máis nomeados do continente asiático.

Na xornada do mércores 12 de novembro, ás 22:30 horas no Teatro Principal, proxectarase por vez primeira en Cineuropa, Aruitemo, aruitemo, a última creación de Hirozaku Kore-eda. O estilo do director nipón bebe, no nivel formal, doutros mestres do cinema do seu país como Yasujiro Ozu, do que herdou as súas preocupacións estéticas. Agora ben, o contido dos seus filmes é absolutamente universal, prestando especial atención ás contradicións internas da psicoloxía humana.

Aruitemo, aruitemo transcorre nun día de verán no que uns fillos xa adultos visitan os seus pais anciáns, que viviron durante décadas na residencia familiar. O fillo e mais a filla volven, xunto coas respectivas familias, para unha reunión inusual co fin de conmemorar a tráxica morte do fillo maior, que afogou por mor dun accidente quince anos atrás.

No Salón Teatro, ás 22:00 horas, proxectarase Ai no Yokan (The Rebirth), de Masahiro Kobayashi, filme gañador do Leopardo de Ouro no pasado Festival de Locarno. A película relata a vida traumática da nai dunha moza asasina e o pai da súa vítima, atrapados ambos no seu quefacer diario. Ademais, volverase proxectar, ás 24:00 horas no Teatro Principal, Alento, a última produción do surcoreano Kim-Ki Duk.

Cinema de compromiso político
A XXII edición de Cineuropa ofrece un oco ao cinema, xeralmente documental, que denuncia as inxustizas do noso tempo e lugar. Neste senso, unha das obras máis conseguidas é The Big Sellout, do alemán Florian Opitz. Este filme político revela a realidade do mundo privatizado e globalizado que en teoría debera ser eficaz e brillante, mais no que, mesmo nos países máis ricos, existen carencias nos servizos públicos básicos como a subministración de auga, electricidade, transporte ou sanidade pública.

A sección Panorama Galiza, dedicada ao cinema realizado no noso país, inclúe no seu programa unha serie de filmes de protesta incluídos na subsección Sociedade. Na xornada do mércores 12 proxectaranse, ás 23:00 horas na Fundación Caixa Galicia, os documentais Astano: a forza dun soño, sobre a reconversión naval na comarca de Ferrolterra; e Casón 20 anos sen respostas, sobre o naufraxio do coñecido cargueiro en augas de Fisterra. Ás 20:00 horas, en Arteria Noroeste, pasaranse catro documentais de menor metraxe que inciden sobre distintas inxustizas que agroman na nosa sociedade: Prodixiosos, Destino a festa, O salario do silencio e Unha lousa sobre o Caurel.

Compartir: