COMERCIO

Unha nova campaña promove as compras nos comercios da cidade durante o Nadal

11/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou o I Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco. Este programa ten como obxectivo potenciar as compras nos estabelecementos comerciais da cidade durante o Nadal. Os comerciantes que presenten as mellores propostas poderán ver os seus produtos recollidos nun catálogo, xunto á identificación do comercio, que se distribuirá entre a cidadanía de Compostela en comercios, restaurantes, oficinas do Concello, etc.

Abriuse xa o prazo de inscrición no certame, dirixido a todos os comercios da cidade. Os comerciantes interesados poden inscribirse de balde. Só teñen que completar a documentación que comezou a repartirse polos estabelecementos de Compostela, na que se inclue información e as solicitudes de participación. Esta mesma documentación está dispoñible na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org. Tamén poden solicitar información a través do correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal e no teléfono 981.54.24.93. Unha vez cubertas os dous anexos de participación, teñen que presentarse en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. O prazo de presentación remata o 24 de novembro.

Establécense ata seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio pode presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento durante os días que dure a campaña de exposición e venda no mesmo comercio, do 1 de decembro do 2008 ao 5 de xaneiro de 2009.

Catálogo
Unha vez rematado o prazo de inscrición (24 de novembro), convocarase aos estabelecementos participantes para que presenten unha mostra dos produtos e das embalaxes presentados a concurso. Un comité de selección valorará as candidaturas conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Cando se realice a mostra, fotografiaranse todos os produtos. As propostas seleccionadas incluiranse no catálogo editado pola Concellaría de Promoción Económica que se distribuirá de xeito gratuito entre a cidadanía en oficinas do Concello e estabelecementos comerciais e hostaleiros. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio, co seu enderezo.

Este catálogo ten como obxectivo achegar a cidadanía ao comercio local, ben sexa para adquirir os produtos que alí se ofrecen ou tamén para coñecer outros semellantes que ofertan eses establecementos e así incitar tamén as compras nas tendas locais. Esta previsto que este catálogo teña unha tirada inicial de 5.000 exemplares.

Entre os comercios participantes entregaranse varios premios. Dous premios en metálico para as duas mellores propostas do catálogo: de 750 euros para a clasificada en primeiro lugar e de 375 euros para a segunda. Ademais, entre os comercios participantes sortearanse 10 cheques de consultaría: cinco de servizos técnicos especialistas en imaxe corporativa e deseño gráfico e cinco de interiorismo e decoración. Ademáis, sortearánse, entre os participantes campañas publicitarias en diferentes emisoras de radio locais, de 15 cuñas cada unha.

Compartir: