GOBERNO MUNICIPAL

O Goberno municipal pídelle á oposición que faga un uso responsable do seu dereito a solicitar información

11/11/2008 En relación coas reiteradas manifestacións de concelleiros do PP acusando ao Goberno Municipal de negarlles a información solicitada, o Goberno municipal quere aclarar que os membros da oposición teñen a posibilidade de revisar todos os expedientes que van á Xunta de Goberno nas 48 horas seguintes á súa celebración, se así o desexan.

O Goberno municipal apunta tamén que, previa solicitude, permíteselles acceder aos expedientes que precisen consultar -incluso, en ocasións os concelleiros conservadores teñen accedido a examinar expedientes do seu interese sen a preceptiva previa solicitude-. se con isto non se paraliza o funcionamento normal do departamento, como sucede no caso que agora denuncian, no que o PP solicitou tres veces documentación referente aos contratos adxudicados á Oficina de Planeamento, responsable da redacción dos dous últimos PXOM.

Ante a primeira petición, entregóuselles unha relación dos contratos en vigor. Os populares volveron solicitar a mesma documentación ampliada, requirindo unha "relación detallada e histórica", que tamén lles foi remitida, aportando nesta ocasión, ademais dos contratos en vigor, os finiquitados desde 1990 ata hoxe. Esta información ía acompañada dun informe da xefa do Servizo de Contratación, no que se manifestaba a imposibilidade de obter información anterior a 1990, ano no que se implanta a informatización no Concello. Por terceira vez o PP requiriu "relación detallada e histórica, informatizados e non informatizados, do total dos contratos e ademais copia certificada de todos e cada un dos contratos con esta empresa". Esta última solicitude require da dedicación exclusiva de persoal municipal, o que suporía a paralización dun departamento vital na xestión administrativa local.

Por todo isto, o goberno municipal pídelles aos membros do grupo popular que fagan un uso responsable do seu dereito a solicitar información, tratando de non interferir no funcionamento normal dos departamentos do Concello.

Compartir: