ALCALDÍA

Unha mostra para suscitar a curiosidade polas matemáticas

11/11/2008 A Galería Sargadelos acolle ata o 14 de novembro a exposición "Escher e Matemáticas. Diálogo entre Ciencia e Arte", con motivo da Semana da Ciencia. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a mostra.

O alcalde tivo ocasión de dirixirse a un grupo de rapaces que visitaban a exposición, aos que animou a espertar a súa curiosidade e a desenvolver a imaxinación. Na necesidade de potenciar estes estímulos tamén coincidiu a subdirectora xeral de Xestión do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Investigación Tecnolóxica, Xulia Guntín, e a coordinadora da mostra e integrante da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), Inés Ben, para quen "as matemáticas son imprescindibles nunha sociedade democrática" e na formación de "cidadáns participativos, autónomos e críticos". "O futuro está nas vosas mans", engadiu a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Esta exposición, enmarcada na Semana da Ciencia 2008 e financiada pola Consellería de Innovación e Industria, amosa un novo punto de vista na relación entre as matemáticas e a arte, buscando a continuidade desta actividade nas aulas. Presenta a obra do artista holandés Maurits Cornelis Escher (1898-1972), especialmente a realizada a partir de 1937, momento no que as súas creacións, segundo palabras do presidente da súa fundación, "amosan extraordinarias manipulacións do espazo, o tempo e a perspectiva, que reorganizou conforme á súa persoal e enxeñosa lóxica. A simultaneidade da perspectiva é o lugar común, o infinito é a dirección, o negativo e o positivo son intercambiables e a fascinación é o resultado".

Compartir: