CULTURA

O fenómeno "Gomorra" chega a Cineuropa

10/11/2008 A XXII edición do Festival Cineuropa, organizado pola concellaría de Cultura, permitirá aos afeccionados ao cinema coñecer de primeira man o que está a ser, sen dúbida, o filme do ano: Gomorra. A película, de Matteo Garrone, conta a historia do crime organizado iniciado pola mafia napolitana. Separado en cinco episodios ben definidos, o filme relata a historia dun territorio delimitado polas localidades de Secondigliano, Nápoles, Castelvolturno e Terzigno, rexido polo poder, a corrupción, a violencia e o crime.

A longametraxe de Garrone parte dun traballo de investigación desenvolvido polo estudante de filosofía Roberto Saviano, no que se describen os negocios da Camorra. A gran repercusión do libro publicado, con máis dun millón de exemplares vendidos, provocou unha reapertura do debate sobre o crime organizado en Italia e valeulle a Saviano ser ameazado de morte polas familias camorristas, o que demostra a absoluta vixencia e actualidade de Gomorra.

Outra das citas do martes 11 de novembro chegará ás 20:15 horas na Aula Sociocultural de Caixa Galicia, coa proxección de Aleksandra, a última peza dun dos máis grandes autores do cinematógrafo contemporáneo: Alexander Sokurov. O cineasta ruso, creador de obras tan fermosas e sobrecolledoras como A arca rusa ou María, ofrécenos en Aleksandra unha perspectiva nova e descoñecida do conflito de Chechenia, un litixio esquecido polos titulares das grandes cabeceiras e telexornais, do que só se fala cando acontecen sucesos cruentos e devastadores.

Cinema de autor de todos os recantos do planeta
O programa do martes 11 de novembro amosa a vocación internacional de Cineuropa 2008, no que se darán cita creacións de países tan distantes entre si como Arxentina, Corea do Sur, Turquía, Brasil ou Galiza.

O surcoreano Kim-Ki Duk acode á súa cita con Cineuropa 2008 coa súa última produción, Alento, onde narra a historia de amor entre un prisioneiro convicto e a muller que decora a súa celda na prisión. Dende Turquía chega Pandora's Box, de Yesim Ustaoglu, unha suxestiva peza protagonizada por tres irmáns que, na busca da súa nai desaparecida, constatan o distanciamento que agromou entre eles co paso dos anos e reflexionan sobre os seus erros do pasado.

O día ofrecerá tamén citas coas mellores realizacións do audiovisual galego contemporáneo. Ás 23:00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, poderemos ver Cartas italianas, terceira longametraxe dunha das maiores promesas do cinema galego: Mario Iglesias González. O filme conta o encontro entre dous mundos opostos, dende unha perspectiva poética e íntima. Por unha banda, o universo de Eloisa, fotógrafa italiana que ten percorrido medio mundo coa súa cámara; pola outra o de Atilano, un narcotraficante galego que vai parar á illa da Palma coa finalidade de abrir mercado para a cocaína coa que trafica. Asemade, Panorama Galiza, dentro da súa sección Sociedade, vai proxectar, ás 20:00 horas en Arteria Noroeste, as seguintes pezas: O premio da rubia, Linguas cruzadas, Negra sombra e Da regueifa ao rap.

Compartir: