EMPREGO

A Concellaría de Promoción Económica participa no II Foro de Emprego da USC

07/11/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo colabora co II Foro de Emprego da Universidade de Santiago de Compostela, organizado polo Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social en coordinación co Campus de Lugo. A Concellaría participará no encontro, os días 11 e 12 de novembro, cun stand informativo e cunha ponencia sobre intermediación laboral.

O obxectivo do II Foro de Emprego é facilitar a inserción laboral do alumnado e dos tituladas/os universitarios e a súa promoción no mercado laboral pondoos en contacto co mundo empresarial. Para as empresas é un espazo onde recoller currículums e presentar as súas ofertas de emprego, programas de práticas, e sistemas de acceso a un posto laboral.

O II Foro de Emprego desenvolverase os días 11 e 12 de novembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e o día 13 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. O horario de apertura é de 11:00 a 18:00 horas. A inauguración terá lugar o día 11 de novembro, ás 13:30 horas. Nela estará presente o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, acompañando ao reitor da USC, Senén Barro, e a distintas autoridades da USC.

Este Foro diríxese a empresas, organismos públicos, alumnado e tituladas/os universitarios. A Concellaría de Promoción Económica participa cun stand no que se informará ás persoas interesadas sobre recursos e servizos de apoio para a busca de emprego e para o desenvolvemento de proxectos empresariais. Catro persoas, por turnos, ofrecerán información e repartirán material no que se incluen modelos de currículums, formularios para empresas que ofertan emprego, formularios para demandantes, modelos de cartas de presentación, de autocandidatura e de resposta a unha oferta de traballo, etc. Ademáis, está previsto que o mércores, 12 de novembro, ás 13:00 horas, a técnica local de orientación laboral, Dolores Miguélez, ofreza a ponencia A Xestión da Intermediación Laboral dende a Bolsa de Emprego da Concellaría de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago de Compostela.

Durante a celebración do I Foro de Emprego da USC, o persoal técnico da Oficina de Promoción Economica e Emprego atendeu 600 consultas, ás que se lle repartiu un formulario para que se inscribisen na Bolsa de Emprego . 98 persoas entregaron o formulario cuberto. A Bolsa de Emprego concíbese coma un espacio integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral coas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes mediante a intervención dos titores de inserción.

Compartir: