ALCALDÍA

Sánchez Bugallo, na súa calidade de vicepresidente, asiste en Tarragona á Asemblea de Cidades Patrimonio da Humanidade

07/11/2008 O xoves 6 tivo lugar en Tarragona a Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do que o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, é vicepresidente. Foi esta unha xuntanza preparatoria para a Asemblea do Grupo, que tivo lugar o venres 7 de novembro, na casa consistorial da cidade. Á mesma asistiron os alcaldes das cidades que integran o grupo, agás Cuenca, que desculpou a súa asistencia.

Na asemblea aprobáronse por unanimidade todos os puntos da orde do día, entre os que destacaron os referente ás finanzas do grupo, ás comisións de seguridade, turismo e cultura.

En primeiro lugar foron aprobadas as actas das xuntanzas anteriores e as contas do exercicio que concluíu coa elección da nova executiva. En relación cos traballos da comisión de Seguridade, que a presidenta do grupo, a alcaldesa de Ibiza, Lourdes Costa, cualificou de "punteira e innovadora", deuse conta da redacción dunha ordenanza tipo para adoptar nos trece concellos do grupo.

Trátase dun instrumento en relación cos perigos e riscos dos cascos históricos, que cada cidade deberá adaptar en función das súas características. Tamén servirá para intercambiar información e experiencias vía intranet entre técnicos, policías locais, bombeiros e protección civil. Así, os expertos terán á súa disposición as fichas dos edificios catalogados das trece cidades. Como reforzo desta actuación está en proceso de creación un equipo permanente de expertos en emerxencias para asesorar aos concellos, e vaise editar un manual de intervención en casos de incendio e riscos. Asemade vaise aprobar un plan de formación para bombeiros.

Como conclusión dos traballos da comisión, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade ten programado un acto de simulacro de incendio e rescate no Alcázar de Segovia no que tamén intervirán dotacións do exército para o 16 de decembro, e no que se aplicarán as técnicas estudadas.

De seguido aprobouse o Plan de Actuacións en materia de Turismo para o ano 2009 nos termos das propostas da comisión integrada polo equipo de técnicos representantes das trece cidades. Entre outros temas, deuse a coñecer á asemblea a proposta da cadea pública americana Universal Televisión de realizar unha serie documental de trece capítulos sobre as cidades integrantes do grupo. A devandita serie será emitida en todo o territorio de EE.UU. Esta proposta foi favorablemente acollida por todos os membros da asemblea pola difusión dos valores turísticos, patrimoniais e culturais que pode supoñer. Esta serie vaise realizar en colaboración con Turespaña e Paradores.

Asistencia a feiras internacionais e un ciclo de cine
Na asemblea aprobouse tamén a asistencia ás feiras de Berlín e Tokio e ás que se realizarán conxuntamente con Turespaña, conforme ao convenio asinado con esta organización estatal.

En relación coa comisión de Cultura, entre outros asuntos de trámite, aprobouse a proposta de realizar un ciclo de cine conxunto de películas filmadas nas distintas cidades. O ciclo será exhibido nas trece cidades o vindeiro ano. Tamén se aprobou o programa de publicación e de cursos sobre patrimonio.

Finalmente deuse a coñecer a proposta da UNESCO de realizar un programa de cooperación en Camagüey, Cuba, con técnicos de toda Hispanoamérica, os días 2, 3 e 4 de febreiro do 2009. Esta proposta será aprobada na xuntanza da executiva que terá lugar en Segovia o día 16 de decembro.

Compartir: