CULTURA

O audiovisual galego protagoniza unha nova xornada de Cineuropa

06/11/2008 O arranque da XXII edición de Cineuropa está a ter un claro protagonista: o cinema galego. Aos máis de cen filmes proxectados na sección Panorama Galiza, engádese a inclusión, nos distintos programas do Festival, de filmes realizados en Galicia ou por autores galegos.

Este é o caso de Noshinto Shamporo (A miña filla Shamporo), un documental asinado pola directora galega Tita Portela, incluído na sección Documentos: memoria e presente, que se vai proxectar no Centro Galego de Arte Contemporánea, o venres 7, a partir das 22:15 horas. O filme, gravado na Amazonía, relata a historia real de Elías, xefe nativo asháninka (tribo da selva central do Perú), que decide volver á súa terra natal na procura dunha curandeira que instrúa á súa filla Shamporo no coñecemento das prantas e dos ritos tribais de orixe ancestral.

A partir das 23:00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, o protagonista vai ser o telefilme de Antón Dobao A mariñeira, adaptación da obra homónima de Darío Xohán Cabana. A peza sitúase en tempos da República na vila mariñeira de Quilmas, en Carnota, onde viven María, Pandullo e a súa filla Rosa. O mar e a terra dispénsanlle o que precisan os seus corpos e a República, o Estatuto e os libros o que a súa alma devece. Nin no seu peor soño imaxinaban o que en poucos días ocorrería.

Outra oportunidade de visionar as mellores producións propias é a sesión, incluída dentro do Panorama Galiza, nomeada Etnovisións. No pase do venres 7, en Arteria Noroeste a partir das 20:00 horas, proxectaranse distintas pezas documentais que pescudan na orixe de distintos costumes e labores da nosa etnografía. A música tradicional galega, o proceso da elaboración da cal viva, a figura do afiador ou os oficios tradicionais de Galicia que comezan a ficar no esquecemento, serán algúns dos temas tratados no ciclo.

Proxección dos filmes gañadores en Cannes e Valladolid
Mais a oferta de Cineuropa para o venres 7 de novembro sae alén das nosas fronteiras. A partir das 22:00 horas, na Aula Sociocultural Caixa Galicia, realizarase o primeiro pase no Festival de Estómago, do director brasileiro afincado en Italia Marcos Jorge. A peza, que vén de causar sensación na Seminci vallisoletana, onde mereceu a Espiga de Ouro ao mellor filme, defínese como unha comedia dramática con toques de humor negro ambientada no mundo na hostalería. A nivel formal a película bebe das mellores obras da Commedia All'Italiana -dende Dino Risi ata Federico Fellini- e atopa en Delicatassen o seu referente máis próximo.

Ademais, no Teatro Principal, a partir das 20:15 horas, vaise celebrar o segundo pase en Cineuropa de Entre les murs (A clase), para boa parte da crítica o mellor filme europeo da tempada. A obra de Laurent Cantet, Palma de Ouro en Cannes, leva á pantalla a realidade dun colexio multirracial contemporáneo, afondando nas dificultades da educación pública nos barrios máis conflitivos de París.

Compartir: