CULTURA

Renovado compromiso a prol da recuperación do traxe galego

06/11/2008 A Asociación do Traxe Galego convoca a XIV edición do Premio de investigación "Antonio Fraguas" sobre o traxe tradicional galego. Este galardón, o único destas características que existe en Galicia, supón un importante recoñecemento a aqueles que traballan a prol da recuperación e do coñecemento do traxe galego.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, presentaron esta nova edición do Premio. Como en anos anteriores, haberá dous agasallos: un para os traballos descritivos, cunha dotación de 600 euros, e outro para os analíticos, con 1.200.

Como en cada edición que se presenta este Premio, Pilar Domínguez volveu a amosar todo o seu entusiasmo na defensa do traxe galego. Recordou como foi no século XIX cando se comezaron a adornar os traxes e que, na actualidade, ese embelecido de pedrería é unha das características distintivas do noso traxe respecto ao doutros lugares. Expresou o "cariño e orgullo" con que se realizan estes traxes e con que se locen, e o seu "abraio" por ver a tanta xente nova levándoos.

Pola súa parte, Socorro García Conde felicitou á Asociación do Traxe Galego o seu traballo para "afondar no coñecemento das nosas tradicións e nas razóns que as promoveron". Comprometeuse a seguir apoiando "con todas as nosas forzas" este labor.

Descritivos e analíticos
Á hora de valorar os traballos, o xurado distinguirá as dúas categorías apuntadas. Os descritivos son aqueles que, recuperando traxes, especificarán cuestións como a materia na que están feitos, o lugar onde se atoparon e no que están actualmente ou a época da que son. Os traballos analíticos achegarán máis elementos de investigación sobre a súa procedencia e elaboración, e mesmo sobre as crenzas e valores relacionados co traxe e a súa influencia en ámbitos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

Os traballos, en lingua galega, remitiranse á sede da Asociación do Traxe Galego (avenida de Coimbra, 2 baixo). A data límite é o 30 de novembro. Un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito do folclore, da antropoloxía e da investigación do traxe elixirá os gañadores. Os premios entregaranse nun acto que se celebrará no Salón Nobre de Raxoi.

Documentos relacionados



Compartir: