EDUCACIÓN

Os máis pequenos volverán pór cara ao Nadal compostelán

06/11/2008 O Concello de Santiago organiza un ano máis o Concurso de Carteis e do Programa de Nadal. Os rapaces e rapazas de infantil e primaria volverán a amosar as súas habilidades artísticas para elaborar uns debuxos que servirán para ilustrar o cartel e o programa editado para estas datas.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova convocatoria, que conta cun orzamento de 5.774 euros. Destacou a alta participación que cada ano rexistra este concurso, que en 2007 recibiu traballos de preto de 3.000 rapaces.

O mellor debuxo converterase no cartel do Nadal e o resto de debuxos premiados ilustrará o programa de man editado polo Concello co calendario de actividades destas datas. Ademais, os traballos finalistas, ata un total de 200, expoñeranse na zona de entrada do Multiusos Fontes do Sar, onde se desenvolverá Nadalxogo.

Recepción de traballos ata o 28 de novembro
Cada centro de ensino enviará á Concellería de Educación (rúa do Vilar, 13), antes do 28 de novembro, os traballos dos seus alumnos, coa única limitación dun cartel por neno ou nena. As medidas non deberán exceder dos 50x40 como mínimo e dos 70x40 como máximo. Cada cartel deberá incluír na parte posterior os seguintes datos: nome e apelidos do alumno, curso e idade, centro onde estuda e o seu teléfono particular.

Os traballos presentados non poderán incluír elementos e materiais que sobresaian do debuxo, como por exemplo: palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etc, pola dificultade de reproducir un cartel con estes engadidos e pola inevitable degradación que sofren estes materiais nos traslados.

De todos os traballos presentados, un xurado, formado por seis escolares, tres persoas do Concello de Santiago e un profesional do deseño, elixirá os tres carteis gañadores. Os premiados daranse a coñecer o 2 de decembro. O día 12 farase a entrega de premios nun acto público que terá lugar no Pazo de Raxoi.

A contía económica do concurso é de 960 euros dos que 360 recaen no primeiro premio (240 para o autor do debuxo e 120 para o centro no que estude). O segundo cartel recibirá 240 euros (150 e 90) e o terceiro 180 euros (120 e 60). Tamén se elixirán tres accésits de 60 euros.

Compartir: