CULTURA

Cineuropa proxecta máis dun cento de filmes galegos

05/11/2008 Presentouse no Teatro Principal a sección de Cineuropa Panorama Galiza que, ao longo do Festival, proxectará máis de 100 filmes rodados no noso país.

O director da Axencia do Audiovisual Galego, Manuel González, foi o encargado de debullar o contido das distintas sesións que conforman esta sección. Coa mesma, Cineuropa pretende ofrecer un oco a aquelas producións, en moitos casos de escaso orzamento, que decote non teñen cabida nos circuítos de exhibición convencionais.

A sección subdividirase en distintos bloques que abranguen filmes con semellanzas entre si, xa sexa a nivel temático, narrativo ou de formato cinematográfico. Deste xeito, Manuel González destacou a gran valía da sesión titulada ^Cinema non reconciliado, que inclúe obras que desafían a narrativa clásica convencional.

Galiza animada afondará nun xénero, a animación, no que Galicia é potencia a nivel estatal. Pezas como A revolta dos mouses, 1977 ou Leo teñen acadado xa gran prestixio internacional. Os filmes da sesión Alén da realidade conforman o máis salientable do cinema fantástico feito en Galicia, entre os que se atopan Santiago en sangue, arredor da tradición vampírica de Compostela, ou 12007, adaptación dun relato de Rafael Dieste.

Outra subsección temática vai ser Do amor e outras soidades, que inclúe sete olladas diferentes sobre o amor en todas as súas fases: namoramento, crise, remate, etc. Estas pezas foron realizadas por directores e directoras mozos de Galicia.

Unha ollada cara Galicia
Asemade, Panorama Galiza ofrecerá unha serie de obras, as máis delas de cinema documental, que afondan no presente da realidade galega e máis na súa historia recente. Etnovisións incluirá distintas miradas cara á etnografía galega, mentres que Memoria histórica inclúe unha serie de pezas que lembran anacos da nosa historia, como a Guerra Civil, a resistencia antifranquista ou a reconversión naval. En èm]Sociedade poderemos ver documentais de denuncia, combate e acción política, que se refiren a realidades concretas de Galicia na actualidade.

Tamén haberá un oco para as longametraxes. En Cineuropa 2008 proxectaranse Eloxio da distancia, Cartas italianas, Manuel e Elisa (O trinta) e Flores tristes, que vivirá no Festival a súa estrea oficial.

Socorro García Conde, pola súa banda, lembrou o compromiso da concellaría que preside coas creacións culturais e artísticas feitas en Galicia e en galego. Polo tanto, para a edil supón unha satisfacción o elevado número de producións galegas que teñen un oco nun certame da entidade e calidade de Cineuropa 2008.

Compartir: