TURISMO

A mellor salsa do mundo chega a Santiago da man de "Salsorro"

05/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e un dos organizadores de Salsorro, Diego Berea, presentaron a VII Edición do Festival Internacional de Salsa de Galicia, que se celebrará do 7 ao 9 de novembro. En Salsorro participarán máis de 2.000 persoas procedentes de máis dunha ducia de países e bailaríns e compañías de sona mundial, como Víctor e Burjú, directores da compañía Hacha y Machete, de Boston, que tamén estiveron na presentación que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos.

Salsorro, que este ano conta co patrocinio de Ron Brugal, tense consolidado como un dos festivais de salsa máis importantes de Europa, tanto polo número de participantes como polo nivel dos bailaríns e compañías presentes. O Festival ofrece unha ampla variedade de actividades para os asistentes, sexan profesionais do baile ou afeccionados. Salsorro reunirá a unha vintena de compañías de baile procedentes de Europa e América para impartir clases e amosar os seus últimos espectáculos.

Entre as compañías e bailaríns que estarán presentes en Salsorro 2008 destacan Santo Rico (Nova York), Tropical Gem (Milán), Adolfo e Sheila (Nova York), Hacha e Machete (Boston), Maykel Fonts e Kirenia (Cuba), Juan Matos (Nova York), Flamboyan Dancers (Milán) ou Tito e Tamara (Porto Rico). Tamén estarán presentes a parella campiona do mundo na especialidade de salsa nos anos 2007 e 2008, Adrián e Anita, coñecidos pola súa participación no programa de TVE Mira quien baila. Tamén estarán presentes os campións de España 2008, Sabrina Kacheroff e Miguel Ángel Bastida.

Salsorro 2008 inclúe no seu programa doce horas de talleres formativos con tres niveis diferentes, iniciación, intermedio e avanzado, para que podan acudir ao evento tanto persoas que se están iniciando na salsa como persoas que levan anos bailando e queren mellorar o seu nivel. Tamén haberá unha decena de clases mestras e diversos seminarios para profesionais. As persoas interesadas poden inscribirse no Festival en www.salsorro.com.

Actividades abertas ao público
Salsorro ofrece tamén dúas actividades abertas ás persoas que non se teñan inscrito no Festival. Por unha banda, o venres 7 de novembro haberá clases gratuítas coa parella campiona do mundo de salsa nos anos 2007 e 2008, Adrián e Anita, e co británico Supermario. O 9 de novembro, ás 22:30 horas, o Pazo de Congresos acollerá a única representación no norte de España do musical Fantàsia, un dos maiores espectáculos de salsa do mundo, creado polo uruguaio Fernando Sosa, no que participan máis de 25 bailaríns e cantantes, incluíndo as formacións completas de dúas das compañías de máis prestixio internacional: Tropical Gem e Flamboyan Dancers. As entradas, cun prezo de 30 euros, poden adquirirse en www.topdance.com.

Compartir: