ALCALDÍA

Ministros iberoamericanos de Agricultura reúnense en Santiago para falar da trazabilidade alimentaria

26/09/2005 A ministra de Agricultura, Elena Espinosa, xunto ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o viceministro de Agricultura e Gandería de Costa Rica, Walter Ruiz Valverde, inauguraron a VIII Conferencia Iberoamericana de Ministros de Agricultura, preparatoria dun cumio que reunirá a xefes de estado e de goberno en outubro en Salamanca.

As xornadas de traballo da VIII Conferencia Iberoamericana de Ministros de Agricultura, que se celebran no Hostal dos Reis Católicos, comezaron o luns 26 e extenderanse ata o mércores 28. Nelas trataranse iniciativas como o Canxe da Débeda por Educación, o Foro Empresarial Iberoamericano, o Foro Cívico sobre Financiación e Desenrolo e loita contra a Pobreza, a Carta Cultural Iberoamericana, a Axenda e Doutinas Iberoamericanas de Desenrolo e a Rede de Cooperación Xudicial Iberoamericana. De todos estes temas darase conta nunha rolda de prensa que terá lugar ese mesmo día ás 18:00 horas. De seguido, as Delegacións trasladaranse ao Concello de Santiago onde serán recibidos polo alcalde da cidade X. Sánchez Bugallo.

O martes 27 os participantes neste Cumio Iberamericano viaxarán ata Vigo para visitar as instalacións de ANFACO (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas) e pola tarde, de novo en Compostela, participarán nunha visita guiada pola cidade. As sesións preparatorias rematarán cunha cea ofrecida pola Xunta de Galicia.

O XV Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno será o punto de partida da nova Secretaría Xeral Iberoamericana que ten como obxectivo o seguimento dos programas acordados nos Cumios. A súa sede estará en Madrid e o seu presidente será o uruguaio Enrique Iglesias, elexido por unanimidade polos 22 países que participan neste Cumio.

Compartir: