DEPORTES

Remata o prazo de solicitudes das Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas composteláns

03/11/2008 O prazo de solicitudes das Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas individuais composteláns 2008, convocadas pola Fundación Compostela Deporte, remata o venres 7 de novembro. A cuarta edición desta convocatoria conta cunha dotación orzamentaria total de 30.000 euros, que serán outorgados en réxime de concorrencia competitiva.

Os(as) deportistas interesados en optar ás bolsas poden consultar as bases e formalizar as súas solicitudes no portal de Internet da entidade www.fundacioncompostela.org, ou enviar a solicitude e a documentación complementaria para optar ás mesmas, mediante unha instancia dirixida á sede da Fundación Compostela Deporte (Estadio de San Lázaro, Porta 16).

Entre outros requisitos, poderán optar ás bolsas de formación e perfeccionamento 2008 os deportistas empadroados no Concello de Santiago de Compostela, nados entre 1986 e 1998 (ambos inclusive) –este requisito non é esixible aos deportistas paralímpicos-, atoparse en posesión da correspondente licenza federativa ou acreditar a consecución de resultados deportivos relevantes obtidos en competicións oficiais durante os anos 2007 e 2008.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, constituirase unha Comisión de Selección integrada por: membros do Comité Executivo da Fundación Compostela Deporte, un representante da Área de Deportes do Concello de Santiago, un da Área de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela, un das Federacións deportivas e outro dos medios de comunicación.

Os deportistas seleccionados daranse a coñecer na Gala de entrega, que se celebrará o día 25 de novembro no Auditorio de Galicia

Compartir: