TURISMO

Santiago e Braga unidas pola gastronomía

03/11/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a vereadora de Turismo e Actividades Económicas de Braga, Ana Paula Pereira, presentaron a campaña turística "Braga á Mesa" e o protocolo de colaboración entre o Concello de Santiago e o Concello de Braga.

Con esta iniciativa ábrese unha colaboración entre Braga e Compostela co fin de promover "os valores turísticos, culturais e de irmandade" destas dúas cidades, segundo indicou Iglesias. O turismo portugués é un obxectivo prioritario para o Concello santiagués e de aí unha colaboración se agarda estender no tempo.

"Braga á Mesa" é un exemplo desta unión de obxectivos cunha cidade lusa situada a 185 quilómetros de Santiago. En palabras de Ana Paula Pereira, "trázase un itinerario turístico das nosas cidades a través da gastronomía, potenciando á vez os demais valores das mesmas".

Esta campaña convida aos potenciais visitantes de Braga –neste caso aos composteláns- a visitar esta vila nos fins de semana ata o 30 de novembro. Trátase de descubrir a gastronomía local á vez que se disfruta dos museos da vila.

Uns 50 restaurantes de Braga participan nesta iniciativa, que promove a gastronomía portuguesa. Os estabelecementos ofrecen pratos tradicionais de Braga e do Miño. Nos menús non faltarán pratos como as pataniscas, os bolinhos de bacalhau, as papas de Serrabulho, o bacalhau á Braga, o arroz de pato, o pudim Abade de Priscos ou as rabanadas, entre moitos outros.

E despois de xantar, os comensais recibirán un vale que lles permitirá visitar o museo elixido cun 50% de desconto. Ata oito museos poderá escoller o visitante, ademais dos tres máis que teñen entrada libre. Unha oportunidade pois para vivir Braga dun xeito diferente, sen descoidar tampouco os seus roteiros romano e barroco.

Compartir: