CONSORCIO E MEDIO AMBIENTE

O Consorcio asina un convenio co Concello para iniciar diversas actuacións nos parques da Selva Negra e Granell

03/11/2008 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo asinou un convenio de colaboración coa concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, para realizar o acondicionamento e posta en valor para uso público da área natural da Selva Negra, lindeira coa Granxa do Sexto, e outra para promover a construción dun edificio de servizos no Parque Eugenio Granell.

A finca da Selva Negra ten unha importancia ecolóxica, paisaxística e recreativa, e por este motivo o Consorcio e a Concellería de Medio Ambiente queren transformar este espazo nunha área de utilidade pública para a que se destina unha contía de 400.000 euros, que se reparten en 267.000 para a obra civil e equipamento e 133.000 para a protección e restauración vexetal.

Sobre esta obra, o alcalde destacou que se trata de "respectar a súa natureza rústica orixinal". Así, referiuse á creación dun "pequeno paseo para circular que respectará os propios materiais do terreo". En definitiva, a intervención pretende "manter e facer accesible" este parque.

O programa de intervención da primeira fase no Parque Natural da Selva Negra pretende facer unha transformación suficiente para mellorar as condicións actuais da finca, fundamentalmente nun sentido recreativo.

Ademais, preténdese mellorar as condicións das masas fronte aos riscos de incendios forestais e responder ás funcións ecolóxicas e sociais demandadas. Trátase de proporcionar espazos de utilización socio-recreativa e cumprir coa función de conservación do medio natural. Polo tanto, o obxectivo primordial será o de consolidar, ampliar e diversificar a devesa da Selva Negra, creando un espazo forestal de alto valor ecolóxico, de referencia no contorno do Monte Pedroso.

A finca da Selva Negra abrangue unha superficie de 19,7 hectáreas e está arborada, agás tres pequenas zonas de pastizais. A proposta de actuación nesta finca consiste en consolidar a vella carballeira, incrementar a biodiversidade das especies, a erradicación de todas as especies invasivas, a repoboación forestal con especies apropiadas e moi diversificadas e, ademais do prado intermedio, no deseño das repoboacións crearanse claros de bosque coa fin de diversificar o hábitat. Para estas labores destínase un orzamento que ascende á cantidade de 133.000 euros, descontando o valor do aproveitamento da madeira (55.000 euros).

Na obra civil e equipamentos, a actuación conta cun orzamento de 267.000 euros e vai constar nunha restauración do réxime hidráulico, incluíndo a creación dun lago e mesmo dunha rúa de golf, a restauración dos elementos arquitectónicos xa existentes muros e outras ruínas, a formación de paseos e sendas, pequenas presas, aparcadoiro, zonas de acceso, entre outras. Así mesmo, a acometida de corrente eléctrica e equipamento con mobiliario axeitado.

Actuación no Parque Eugenio Granell
As intervencións no Parque Eugenio Granell contan cun orzamento de 200.000 euros e consisten na construción dun edificio de servizos para poñelo en valor. Neste parque, tanto a implantación como o sistema construtivo busca a integración no contorno mediante a utilización dun volume sinxelo e o uso de materiais tradicionais e acordes coa paisaxe no que se atopa a edificación.

O edificio componse dun único volume simple de xeometría ortogonal con cuberta plana axardinada, pechada nunha parte con paneis de madeira e noutra con vidro. Basicamente, a edificación construirase en madeira: estrutura, revestimentos de paredes e chan, e por motivos de seguridade levará cerramento metálico nocturno.

Segundo indicou Elvira Cienfuegos, a superficie construída total é de 234 metros cadrados, dos cales 60 son de terraza cuberta e 70 de espazo interior. O resto corresponde á terraza perimetral. Anunciou que o obxectivo é que a obra estea lista no verán de 2009.

Este parque, xunto ao Carlomagno, é un dos maiores da cidade. A construción deste edificio era unha demanda da xente, afirmou Bugallo, confiado de que este novo elemento, semellante ao da Granxa do Xesto, xunto coa recuperación da lagoa natural, "contribuirá ao seu maior uso".

Compartir: