COMERCIO

Os gañadores da edición de outono do Concurso de Escaparatismo xa locen as súas bandas

30/10/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos estabelecementos gañadores da edición de outono do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping.

Iglesias comezou o seu percorrido polo comercio gañador, a tenda de chocolate Xocoátel, situada na rúa Rosalía de Castro, 3. O xurado tiña valorado neste estabelecemento a orixinalidade do plantexamento, unha mesa colocada para unha cea se samaín (halloween), cun mobiliario de época integrado no conxunto.

O percorrido continuou polo terceiro clasificado, a tenda de comercio xusto Panxea (Gómez Ulla, 4). Neste caso a banda é un recoñecemento á beleza e orixinalidade da composición, que integraba elementos de orixe étnica moi sinxelos, como caixas e bixutería.

Finalmente, o concelleiro desprazouse ata a tenda de marroquinería Media Lúa (rúa Travesa, 5), unha habitual nestes premios, que desta vez obtivo o segundo premio. O xurado apreciou a integración dun elemento vivo, neste caso a herba, e o seu crecemento no escaparate. Neste conxunto destacaban varios bolsos, un dos elementos que comercializa.

22 comercios na edición de outono
Na edición de outono do Concurso participaron 22 comercios de diferentes sectores. Entre os participantes predominaban os de téxtil e confección, sobre todo moda infantil, e os de complementos. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de perruquería e estética, óptica, artesanía, alimentación, deportes, xoguetes, perfumarías, xoierías e xoguetarías.

Ademais das bandas que recoñecen a orixinalidade dos escaparates, os establecementos gañadores reciben premios en forma de investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo e de 1.500 euros para o terceiro.

Aínda queda por desenvolver a edición de Nadal do certame. A principios de 2009 designarase un gañador final entre os estabelecementos que tivesen unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das distintas edicións do Concurso en 2008..

Compartir: