TURISMO

A oficina municipal de Turismo sortea excursións no Día Internacional do Turismo

23/09/2005 O martes 27 de setembro celébrase no mundo o Día Internacional do Turismo, ocasión que Turismo de Santiago aproveitará para ‘premiar’ aos visitantes da oficina central de información turística municipal cun sorteo de cinco excursións por Galicia, percorridos polo patrimonio universitario e folletos informativos.

No sorteo poderán participar todos os turistas e composteláns que se achegan á rúa do Vilar, 63 para solicitar información o día 27. Alí cubrirán as papeletas que, de resultar afortunados, lles permitirán facer unha excursión dun día para dúas persoas, válida por un ano e con destino a elexir dentre os que ofrece o servizo Compostela Visión.

Cada premio, valorado en 100 euros, permite escoller dun amplo abano de seis excursións guiadas desde Santiago en autocar gran confort, cara a destinos tan atractivos como Portugal e a Galicia meridional (luns), a Costa da Morte (martes e sábados), Rías Altas-Costa Ártabra (mércores), as Rías Baixas (en dúas variantes: Barbanza os xoves e Salnés, os venres), e a Ribeira Sacra (domingos)..

Ademais, por iniciativa da Universidade de Santiago, os primeiros 60 visitantes de Turismo de Santiago recibirán invitacións para participar nas visitas de ‘Universidade Viva’ que permiten coñecer os edificios máis sobranceiros do patrimonio universitario compostelán.

Tamén se repartirán folletos informativos editados polo Concello, nos que se da conta da importancia do turismo para a capital galega.

Desta maneira, Turismo de Santiago-Incolsa pretende dar a entender aos seus visitantes a función decisiva que ven xogando o sector turístico na configuración da atmosfera da cidade e a súa contribución á mellora do nivel de vida dos composteláns.

Como se recordará, o Concello de Santiago adheriuse no ano 2000 ao Código de Ética do Turismo creado pola Organización Mundial do Turismo, no que se estabelecen as liñas éticas para que o turismo do novo milenio sexa vehículo de paz, a través do respecto á diversidade cultural e o fomento dos contactos, o intercambio e a convivencia.

Compartir: