CONSORCIO

Arredor dos temas xacobeos

29/10/2008 Co título de En torno a lo Jacobeo, José María Díaz Fernández, deán-presidente do Cabildo da Catedral de Santiago, achéganos un volume recompilatorio de distintos textos que posúen unha unidade de conxunto. A meirande parte deles teñen algunha conexión coa figura do Apóstolo Santiago.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o libro nun acto celebrado na Galería Sargadelos. Xunto a el estiveron José María Díaz Fernández, autor do libro e deán-presidente do Cabildo da Catedral de Santiago, e Amancio Liñares, editor de tresCtres.

Moitos dos artigos de En torno a lo Jacobeo obedecen á conferencias requiridas, congresos, monografías e revistas de distinto signo. En definitiva, artigos que xorden por atoparse o autor inmerso na variadísima temática xacobea: a liturxia do Apóstolo e o Códice Calixtino, o Pórtico da Gloria, o Camiño de Santiago, estudos sobre arcebispos composteláns, etc.

O propio autor, José María Díaz Fernández, recoñece que unha das achegas máis destacables do conxunto sexan tal vez os dous artigos relacionados co Memorial de D. Francisco de Quevedo: "Quevedo y el Cabildo de la Catedral de Santiago", publicado orixinariamente polo autor en 1995 nunha edición de S. Fernández Mosquera da Universidade de Santiago, e "Valor instrumental del memorial de Quevedo por el patronato único de Santiago", publicado no 2003 en Iacobus. Revista de Estudios Jacobeos y Medievales.

A presente edición do Consorcio e tresCtres Editores forma parte da Biblioteca Literaria do organismo interadministrativo, que ten como obxectivo a difusión dos aspectos máis descoñecidos do patrimonio histórico-cultural no campo da investigación xacobea.

Compartir: