ALCALDÍA

Frances E. Allen volverá para visitar unha cidade que sente "coma o centro de Europa"

29/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a Frances Elizabeth Allen, premio Turing 2006 e relatora no programa ConCiencia. A científica asinou no Libro de Ouro da Cidade.

Frances Allen declarou o "gran descubrimento" que para ela foi Santiago de Compostela, despois das moitas viaxes que ten realizado. En particular, definiu á cidade como un lugar "espiritual" e indicou que "canto máis vexo da cidade, máis sinto que é o centro de Europa". A súa idea –comentou- é volver en verán a Santiago con toda a súa familia.

Pola súa parte, o alcalde destacou a satisfacción do Concello e do Consorcio por participar nun programa como ConCiencia "que contribúe a difundir a imaxe de Santiago no mundo". Ademais, referiuse ao perfil científico e tecnolóxico da Universidade compostelá, que permite atraer a personalidades tan importantes como a propia Frances Allen.

Programa ConCiencia
Frances Allen, participa no programa ConCiencia, organizado pola USC en colaboración co Consorcio e a Fundación Caixa Galicia. Ela é a primeira muller que se incorpora á galería de personalidades que teñen pasado por Compostela ao abeiro deste programa de divulgación científica.

Despois da recepción en Raxoi, a científica acudiu ao Centro de Estudos Avanzados, onde se reuniu con diversos investigadores da USC. O seu programa continúa o xoves 30 coa conferencia pública ‘Unha peregrinación polas altas sendas da computación’, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia.

Unha contribución fundamental á ciencia
Frances Elizabeth Allen (EE UU, 1932) foi merecedora en 2006 do Premio Turing "polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento".

Dende o prestixioso IBM Thomas Watson Research Center, Allen puxo as bases teóricas e prácticas das técnicas de optimización automática en compiladores (a parte do computador encargada de traducir as instrucións dun programa a códigos entendibles polas máquinas) e a extracción automática de paralelismo (realización dunha tarefa repartida en procesos feitos ao mesmo tempo). Ademais, definiu dunha serie de técnicas que se seguen utilizando nos compiladores actuais e que contribuíron a aumentar a súa eficiencia.

Á marxe dos seus éxitos científicos, tense distinguido polo seu traballo a prol do acceso da muller á ciencia, especialmente en enxeñaría e computación, onde a súa presenza segue a ser minoritaria.

Compartir: