ALCALDÍA

Bonaval, parque literario

28/10/2008 O Parque de Bonaval foi declarado "Bonaval-Literario" e así será recoñecido cunha placa, segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no acto de declaración. O profesor Xesús Alonso Montero foi o encargado de proclamar este recoñecemento.

Esta declaración forma parte dos actos da II Bienal Literaria Internacional "De Pedra e de Palabra. Voces de África e Asia", organizada polo PEN Clube Galicia. Antes, na igrexa de San Domingos de Bonaval, realizárase unha Ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres baixo a tumba de Rosalía de Castro.

A Bienal, cuxos actos se prolongarán ata o xoves 30, é un encontro para coñecer e afondar nas literaturas asiáticas e africanas. É unha oportunidade para presenciar diálogos e debates entre escritores galegos como Carlos Quiroga, Manuel Outeiriño, Anxo Angueira, Bieito Iglesias, Gonzalo Navaza ou Xosé Miranda, que confrontarán as súas ideas sobre aspectos literarios con outros como Joaquim Arena (Cabo Verde), Justio Bolekia (Guinea Ecuatorial), Wilfrid Miampika (Congo-Brazzaville), Abul Qadir Al-Chaoui (Marrocos), Marc R. de Borja (Filipinas), Solomon Hailemarian (Etiopia), Kanat Kabdrakhmanov (Kazakhstan), Eduardo Bettencourt (Angola) e Subhro Bandyopadhyay (Bengala-India).

Compartir: