TURISMO

Santiago e Tanabe reafirman os seus lazos coa sinatura dun protocolo de promoción conxunta

27/10/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a concelleira de Turismo Tanabe, Noriko Tada, asinaron no Pazo de Raxoi un protocolo de colaboración de promoción conxunta, apoiándose no feito de que o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano son os únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

No ano 2008 celébrase o décimo aniversario da irmandade dos camiños de Santiago e Kumano. A sinatura do protocolo de colaboración entre as entidades de promoción turística de Santiago e Tanabe celebrará este aniversario e posibilitará unha relación máis profunda entre ambas cidades, fomentando o intercambio de coñecemento e experiencias na promoción turística, a busca de novas formas de promoción conxunta e o fortalecemento das relacións.

Xosé Manuel Iglesias expresou a súa satisfacción por "poder compartir experiencias con eles e enriquecer as nosas relacións". Indicou que o protecolo de colaboración inclúe unha serie de ferramentas concretas de promoción conxunta como: intercambio de enlaces nas súas páxinas web, posta en común dunha páxina web sobre as rutas de peregrinación, material promocional conxunto, roldas de prensa e exhibicións fotográficas nas respectivas oficinas de información turística. Pola súa parte, Noriko Tada resaltou na súa intervención os puntos en común de dous camiños que arrincan nunha época histórica moi próxima.

Turismo de Santiago organizou para os representantes de Tanabe un programa de actividades que inclúe unha ruta polo Camiño de Santiago dende Sarria, unha visita guiada pola Cidade Histórica na que se lles ensinará os principais monumentos de Santiago, unha visita ás cubertas da Catedral, unha visita guiada ao Museo das Peregrinacións e outra ao Mercado de Abastos.

O martes 28, Turismo de Santiago e a representación de Tanabe desprazaranse a Madrid, onde o mércores 29, na Casa de Galicia, farán unha presentación conxunta das súas cidades. Está será xa unha das actividades concretas nacidas a partires do protocolo de colaboración que se asinará o luns.

Camiño de Kumano
No ano 2004, o Camiño de Kumano, xunto con Koyasan, Yoshino e Omine, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO por ser os "lugares sacros e os camiños de peregrinación nas cordilleiras da montaña Kii". O Camiño de Kumano, ubicado no sur da Península Kii, é unha antiga ruta de peregrinación que une as rexións de Kumano, Kyoto, Ise, Koya e Yoshino. Tanabe é onde se atopa o principal santuario de Camiño de Kumano.

Na cultura nipona, a rexión de Kumano é unha terra sacra, bañada polo mar que limpa a corrente Negra, á que se chega tras atravesar cadeas de escarpadas montañas. A tradición conta que o ser humano transfórmase en antepasado e, despois de purificado, chega a ser deus. Có paso dos anos, orixinouse a crenza de que indo á rexión de Kumano podía atoparse aos espíritos dos mortos.

Tanto os deuses-antepasados coma os demais deuses do panteón sintoísta de Xapón moran na natureza. Por iso, en Kumano enraizouse dende antigo a veneración pola natureza: non so o propio edificio debe ser comprendido como templo e lugar sacro, senón todo o territorio de bosques e montañas no que se atopa.

Deste modo xurdiu Kumano Sanzan, o conxunto dos tres santuarios principais do Camiño de Kumano: Kumano Hongu, Kumano Hayatama e Kumano Nachi Taisha, unidos pola ancestral ruta de peregrinación. O santuario de Kumano Hongu atópase en Hongu, unha das pequenas vilas da cidade de Tanabe. Trátase do máis importante dos tres santuarios, e alí os peregrinos fan ritos de purificación no lendario manancial de Yunomine Onsen, de proverbiais efectos curativos.

A tradición sitúa a construción dos tres santuarios antes da época do emperador Suiko, que vivíu entre os anos 554 e 628. O Camiño de Kumano, como o Camiño de Santiago, non ten perdido o seu atractivo a través dos séculos, e hoxe en día continúa sendo unha ruta seguida por miles de persoas.

Compartir: