EDUCACIÓN

Pedro Armas asegura que a educación "non é un problema económico"

23/09/2005 O Delegado Provincial da Consellería de Educación, Pedro Armas Diéguez, reuniuse con Elvira Cienfuegos, concelleira de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, para coñecer e falar sobre a realidade educativa da cidade.

O Delegado Provincial da Consellería de Educación, Pedro Armas, explicou que a súa delegación está a desenvolver un programa de traballo baseado en visitas técnicas para coñecer as necesidades educativas da provincia. Así, "estanse a visitar os centros susceptibles dalgún tipo de transformación, mellora ou reaxuste", informou.

Na súa visita ao Concello, o Delegado provincial de Educación sinalou que a educación non é "un problema económico" e que temas tan importantes como a organización "non se melloran con cartos". Como docente, opinou que "a educación é un problema de motivación". Armas explicou que "a motivación nos centros é sustancial e que centros con poucos cartos funcionan mellor e son máis dinámicos que outros que reciben máis diñeiro".

Para coñecer as necesidades dos centros de Compostela o Delegado, acompañado da concelleira, visitou os colexios Quiroga Palacios, Pio XII e Raíña Fabiola, entre outros.

Na reunión que tivo lugar o venres 23 no Concello, Elvira Cienfuegos trasladou ao Delegado provincial as demandas e aspiracións que a cidade ten en materia educativa. Tratáronse temas como a demanda de novos centros para poder sustituir o de Ramón Cabanillas e o da Colexiata de Sar que está a ocupar un edificio da Igrexa, e a construcción do polideportivo de Lavacolla.

A concelleira insistiu na problemática dos comedores escolares provocada polo aumento da demanda deste servizo. Na actualidade soamente un comedor está a ser xestionado pola Xunta mentres o resto foi creado polas Asociacións de Pais e Nais de Alumnos(ANPAS). Tamén explicou a Pedro Armas a súa aspiración de que o Centro de Artes Mestre Mateo se convirta nun Centro de Ensinanza Superior.

O Delegado provincial afirmou que nestes intres a Consellería non dispón de recursos suficientes para poder resolver tódolos problemas que se lle plantexan, pero que se está a falar de actuacións plurianuais. Armas prevé que os novos presupostos de Estado contemplen unha partida orzamentaria para educación superior á recollida en orzamentos anteriores. Neste senso, Elvira Cienfuegos insistiu no importante investimento que fixo o Concello ao longo do verán para acondicionar os centros, que foi superior aos trescentos mil euros.

Compartir: