ALCALDÍA

AMAL volve a achegarnos ao cine e á cultura árabe a través dos cinco sentidos

25/10/2008 Por sexto ano consecutivo, a nosa cidade acolle o Festival de Cine Euroárabe AMAL, que, organizado pola Fundación Araguaney, achegará ata o 31 de outubro a realidade do mundo árabe a través dos filmes que se proxectarán no Teatro Principal.

Por sexto ano consecutivo, a nosa cidade acolle o Festival de Cine Euroárabe AMAL, que, organizado pola Fundación Araguaney, achegará ata o 31 de outubro a realidade do mundo árabe a través dos filmes que se proxectarán no Teatro Principal.

Documentais, curtametraxes e longametraxes chegadas de diferentes partes do mundo tentarán tender pontes entre dous modos de vida moi diferentes. Así o explicou durante o acto inaugural o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que dixo que Santiago está "orgulloso" dun festival que nos permite relacionarnos cun mundo que sempre significou para nós "o outro", pero que cada vez está máis perto de nós, pois "as fronteiras son irreais". "Hoxe", dixo o alcalde, "o que conta é ser capaces de extraer riqueza da diversidade" e "nunca seremos nada máis importante que persoas".

Na inauguración desta mostra, que xa conta cun recoñecido prestixio en Europa e que é única en España na súa temática, como indicou o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, proxectouse o documental "Rompe el día" e contouse coa presenza da súa directora e a súa protagonista.

O obxectivo de AMAL é introducirnos na cultura árabe a través dos cinco sentidos, pois ademais das proxeccións, organízase unha degustación de cociña árabe no restaurante Araguaney, un concerto da banda Speed Caravan e unha mostra fotográfica arredor da vida dos palestinos antes de que en 1948 se crease o estado de Israel e estalase o duro conflito que aínda hoxe segue sen resolverse.

Compartir: