TURISMO E CULTURA

A curtametraxe islandesa "Smáfuglar" gaña o Premio Internacional de Ficción de Curtocircuíto

24/10/2008 A curtametraxe Smáfuglar, do director islandés Runar Runarsson, obtivo o Premio Internacional de Ficción da V Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto. O Premio á Mellor Curta Galega foi para o director Juan Ignacio Abia, pola súa curtametraxe Don Señor e o Home do Soño.

Os nove premios do Festival, que organizan a Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, entregáronse na Gala de Clausura que acolleu o Teatro Principal e que puxo fin a unha semana na que se proxectaron 259 curtas, procedentes de 40 países, que foron escollidas entre as 2.558 que se presentaron ao concurso e que chegaron de 93 países. Estes datos certifican a consolidación de Curtocircuíto como o Festival de curtametraxes máis importante da Península Ibérica.

O Premio Internacional Documental foi para unha curtametraxe alemana, Was Uebrig Bleibt, dos directores Fabian e Andreas Daub. O xurado decidíu que o Premio Internacional de Animación fose compartido para John and Karen, do director británicos Matthew Walker, e Skhizen, do francés Jeremy Clapin.

A curtametraxe que as persoas asistentes ás proxecións seleccionaron para o Premio do Público foi Rolla Saor, do irlandés Cattal Waters. O Premio Explora foi para o canadiense Josh Raskin, coa curtametraxe I met the Walrus. O Premio á Mellor curta rodada en España foi para Alumbramiento, de Eduardo Chapero-Jackson.

Na Gala tamén se produciu a estrea da curtametraxe A Princesa Alegría, de David Utrilla. O guión de A Princesa Alegría foi o gañador de Compostela Plato, que tiña como premio a produción da curtametraxe.

Finalmente, a Radio Televisión Portuguesa anunciou a compra dos dereitos para emisión na televisión pública de Portugal das curtas: Tolya" do israelí Rodeon Brodsky; Don’t Let it All Unravel, da británica Sarah Cox; Interior. Scara de Bloc, do rumano Ciprian Alexandrescu; Keith Reynolds Can’t Make it Tonight, do británico Felix Massie; Alexandra, do rumano Radu Jude; e The Control Master, do británico John Wrake.

Compartir: