ALCALDÍA

Unhas 3.700 novas vivendas en Mallou completarán o desenvolvemento do Ensanche Norte

24/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo visto bo ao da Xunta ao desenvolvemento do SUD-1 de Mallou, recollido no Plan Sectorial Galego do Solo Residencial presentado no Parlamento galego. Este solo é "o máis densamente edificado" que prevé o novo PXOM e suporá a creación de 3.700 novas vivendas, das que o 75% serán vivendas protexidas.

O desenvolvemento deste polígono de vivendas supón, segundo Sánchez Bugallo, "un impulso ao Ensanche Norte". Así, recordou que, xunto ao SUD-4 da Pulleira, que promove o Concello a través de Emuvissa, sumarán entre ambos preto de 6.000 vivendas, o 60% das previstas para esta área Norte. O alcalde destacou que, ademais do propio polígono, garántase a creación da gran avenida urbana de case 3 quilómetros que irá dende Área Central ata este ámbito, pasando polas Cancelas.

A Consellería de Vivenda estima un prazo de 4 anos para o desenvolvemento deste SUD-4, se ben o alcalde pensa que os prazos serán algo maiores. Neste intres estase a redactar o Plan deste sector, para o cal o Concello xa fixo unha proposta de ordenación detallada. O SUD-1 de Mallou terá unha superficie de 37 hectáreas e implantarase entre a avenida de Asturias e las ladeiras de Mallou e As Cancelas.

A propósito do SUD-4 da Pulleira, Sánchez Bugallo anunciou que en novembro se repetirá o trámite de exposición ao público "por seguridade xurídica", á vista do alto número de alegacións presentadas. O novo documento deste Plan Especial publicarase xa con estas alegacións e garantirá que os propietarios das 42 vivendas unifamiliares deste ámbito teñan outra no mesmo. Segundo apuntou, o obxectivo é que no 2009 se poida xa proceder á expropiación dos terreos.

Estación do AVE
Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde tamén se referiu ás negociacións que mantén o concello con ADIF e co Ministerio de Fomento para a construción da futura estación do AVE. Así, anunciou que ten previsto reunirse na primeira quincena de novembro co presidente de ADIF "para concretar detalles e trazar definitivamente a ruta a seguir en relación á estación". Logo de asinar o convenio, de proceder á modificación puntual do PXOM neste ámbito e á redacción do correspondente Plan Especial, Sánchez Bugallo confía en que "no prazo razoable de 18 meses se poida concretar o acordo e a partir de aí ADIF licite as obras".

Liña de transporte a Lavacolla
Sobre a presentación do Plan Comarcal de Transportes, o rexedor municipal recordou que o Concello participou coa Xunta e cos demais concellos na súa elaboración e posta en marcha. Neste sentido, indicou que a maior preocupación nestes momentos é "a súa posta en práctica en parroquias como Lavacolla, onde espero que agora si poidan ter a liña de transporte regular comprometida".

Orzamentos
Outro dos temas valorado polo alcalde foi do dos orzamentos. Expresou a súa "franca satisfacción" polos da Xunta e a súa "moderada satisfacción" polos do Estado. Ademais, agradeceu "as xestións para reparar parcialmente" a minoración sufrida na achega estatal ao Consorcio, incrementando en 3 millóns de euros a cantidade inicialmente presupostada.

En canto aos orzamentos autonómicos, recordou tamén que Santiago e Lugo son as cidades galegas que maior investimento per cápita recibirán, "cunha cantidade moi superior á media das cidades galegas" e que ascende a 1.500 euros por habitante. Insistiu en que "se contemplan todas e cada unha das demandas plantexadas polo Concello á Comunidade Autónoma".

Xulgado do Mercantil
Finalmente, Sánchez Bugallo falou sobre a creación do Xulgado do Mercantil e da súa confianza en que se remita de novo ao Parlamento a Lei de Planta e Demarcación, que é a que impide a situación física destes Xulgados fóra das capitais de provincia. O Concello seguirá a demandar a creación en Santiago dun Xulgado do Mercantil e tamén dun terceiro Xulgado do Social, por ser esta a área máis saturada na cidade.

Compartir: