CULTURA

A concellería de Cultura estrea web

23/09/2005 O obxectivo do novo portal, é recoller toda a actividade da capitalidade cultural de Galiza.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou o 23 de setembro a nova páxina web da concellería de Cultura. Segundo explicou no transcurso da presentación, esta web vén a cubrir un "défice de comunicación importante", posto que non existía unha "páxina á medida de Compostela como capital cultural".

Compostelacultura, creada pola empresa Acordar, será a partir de agora o soporte central que unificará o traballo de todas as institucións, colectivos e asociacións que traballan no ámbito da cultura na nosa cidade. Rego fixo fincapé en que esta web é unha "grande base de datos" aberta ás "iniciativas e suxestións dos cidadáns".

A web estrutúrase en tres espazos fundamentais: información xenérica sobre a cultura na cidade e a actividade da concellaría, axenda cultural e catálogo de axentes e recursos culturais da cidade.

O elemento central da web é, polo de agora, a axenda cultural, que se actualizará diariamente. Complétase con reportaxes que poñen en valor aqueles eventos máis destacados da programación, e con espazos para o debate e participación dos composteláns, que poderán facer suxestións e comentarios sobre a actividade, promover iniciativas, etcétera.

Ademais, a web tamén acollerá espazos reservados para ampliar información a propósito de ciclos e programacións específicas. O catálogo de axentes e recursos culturais da cidade acolle de momento uns 400 rexistros entre empresas, salas, asociacións, espazos e entidades culturais da cidade.

Na segunda fase da web, segundo explicou Manolo Barreiro, de Acordar, este espazo converterase nunha intranet para posibilitar que uns e outros axentes entren en contacto entre si, compartan e produzan iniciativas comúns e poidan aproveitar sinerxias e espazos.

Desde a páxina web do Concello de Santiago pódese acceder á web de Cultura, a través dun banner situado na marxe esquerda da súa portada. Así mesmo, desde a páxina web de Cultura accédese á web municipal a través do logotipo do Concello, situado na marxe inferior esquerda da páxina de entrada.

Compartir: