CONSORCIO

"La marquesa de Camba": a recuperación dunha novela histórica

22/10/2008 O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a edición de ]La marquesa de Camba, de Antonio Neira de Mosquera, publicada polo departamento de publicacións do Consorcio de Santiago en colaboración coa editorial Albarellos. Esta obra parte dun feito histórico: o asesinato, en xuño de 1366, ás portas da Catedral de Santiago, do arcebispo don Suero Gómez de Toledo mailo seu deán Pedro Álvarez. Un suceso que conmocionou á sociedade da época.

O xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera (1823-1854), do que xa o Consorcio dera a coñecer o seu libro Monografías de Santiago hai oito anos en colaboración con Ara Solis, publicou a obra en Madrid en 1848. Os exemplares desa primeira edición foron axiña retirados pola censura, co que o libro pasou a ser un obxecto de culto, inexistente ata hoxe na maior parte das bibliotecas e arquivos.

A novela posúe o atractivo das mellores tramas de acción . Un asasinato que vai xermolando dende as primeiras páxinas entre traizóns, paixóns amorosas e vinganzas. A clave deste tráxico acontecemento está nas loitas polo poder entre dous medios irmáns, Pedro I e Henrique de Trastámara.

Esta edición de La marquesa de Camba, que se presenta ao coidado de Xosé Ramón Fandiño, é a primeira dende aquela de 1848 (agás a tradución ao portugués aparecida en Porto en 1852). A modo de introdución, o autor desta edición dá conta non só dos feitos históricos nos que se basea a novela, senón tamén das repercusións literarias do asasinato de don Suero, así como da importancia que o propio Antonio Neira de Mosquera tivo dentro da xeración que os historiadores denominan como Provincialistas na primeira metade do século XIX.

Neste acto de presentación, ademais do alcalde, participaron o autor da edición, Xosé Ramón Fandiño; o editor, Henrique Albarellos; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o responsable de publicacións da entidade, Juan Conde Roa.

Compartir: