UMAD

Máis de 2.300 escolares composteláns participarán nunha nova edición de Cinensino

22/10/2008 O programa de prevención de drogodependencias Cinensino celebra a súa XIV edición, na que participarán 2.333 alumnos de Primaria e Secundaria dos centros composteláns. Esta iniciativa pretende, tomando como base a proxección de tres filmes, traballar en diferentes temas relacionados coa prevención do consumo de drogas.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou este programa, que ten previstas proxeccións entre o 27 e o 30 de outubro no Teatro Principal. Segundo explicou, Cinensino consta dun curso de formación en drogodependencias para o profesorado, da proxección de tres películas en formato 35 mm e de tres módulos principais ou unidades didácticas para traballar cos alumnos. Cada sesión consta dunha serie de explicacións dirixidas polo profesor que permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballar, e dunha serie de exercicios e de actividades que faciliten a reflexión e a participación dos alumnos.

A elección do cine como instrumento pedagóxico para tratar estes temas é a súa utilidade actual como "ferramenta privilexiada para lexitimar comportamentos". Así, estímase como un medio axeitado para ensinar ou aprender actitudes e comportamentos máis saudables. Así o revela a experiencia das edicións celebradas ata o momento.

Información, valores e ocupación do tempo
Grazas a Cinensino, os escolares reciben información veraz e detallada acerca da natureza, dos efectos e dos riscos derivados do uso de drogas. Trátase tamén de contrarrestar a influencia dalgúns factores que poden favorecer a aparición de problemas de consumo, tales como a falta de información, subxectividade da mesma, crenzas de autoprotección e resistencia ao dano, etc. Fronte a estes factores, promóvese o desenvolvemento de actitudes e valores favorecedores da saúde e a ocupación enriquecedora do tempo mediante ocio e deportes.

No caso dos 1.328 escolares de Secundaria que participarán no programa, pertencentes a 14 colexios, as proxeccións escollidas son Los seis signos de la luz (David L. Cunningham, USA, 2007), El niño de Marte (Menno Meijes, USA, 2008) e Pradolongo (Ignacio Vilar, España, 2008). Con estes tres filmes traballarase, respectivamente en torno a tres temas: o baixo grao de aceptación, as relacións satisfactorias entre os membros da familia e as actitudes encamiñadas ao éxito fácil e sen esforzo entre adolescentes e os medios para conseguilo.

Pola súa parte, as tres películas escollidas para os 1.005 alumnos de Primaria, de 19 colexios, son: Mr. Magorium y su tienda mágica (Zac Helm, USA, 2007), Carlitos y el campo de los sueños (Jesús del Cerro, España, 2008) e O espírito do bosque (David Rubín e Juan Carlos Pena, España, 2008). Con elas, os rapaces traballarán sobre cuestións como a seguridade nun mesmo, a importancia da amizade na consecución de metas ou o respecto pola natureza.

Compartir: