COMERCIO

O Plan de Asesoramento ao Comercio detectará as necesidades do sector a través de máis de 200 entrevistas

21/10/2008 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o director territorial de Caixa Galicia en Santiago, Juan Carlos Carneiro Caneda, presentaron o Plan de Asesoramento ao Comercio, cofinanciado pola Fundación Caixa Galicia. Este plan, integrado dentro dos servizos que Promoción Económica presta ás empresas en xeral, ten como obxectivo contribuír á modernización e dinamización do sector comercial compostelá, co obxectivo de facelo máis competitivo.

O Plan de Asesoramento ao Comercio contempla visitar 201 estabelecementos comerciais e hostaleiros de distintas zonas da cidade. Partindo da Diagnose sobre o sector comercial e a hostalería, elaborada pola Concellaría de Promoción Económica, realizaranse visitas sobre unha mostra da cidade proporcional ao número de comercios abertos en cada unha das zonas analizadas e aos sectores de actividade con maior presenza. Será pequeno comercio e hostalería. Quedan excluídas as franquicias.

As visitas realizaranas dúas técnicas municipais. Comezarán o venres 24 de outubro. O obxectivos son: realizar unha enquisa para detectar as necesidades que ten o sector e informalos dos servizos que ofrece a Concellaría de Promoción Económica, asesoralos en asuntos relacionados coa dinamización, innovación, e diversificación do negocio, e responder ás consultas que plantexen.

O 22 de outubro, a Concellaría de Promoción Económica e Comercio comezará a remitir aos estabelecementos un tríptico, no que se integra a enquisa, para informalos sobre o Plan de Asesoramento ao Comercio. Calquera comercio ou local hostaleiro que o desexe pode solicitar a visita dunha das técnicas para recibir este servizo. Tamén poden enviar a enquisa cuberta aos enderezos que figuran detrás: rúa do Horreo, 100, e Estadio de San Lázaro, porta 9, situado na avenida de Fernando Casas Novoa, 20. Ademais, o persoal dos comercios ten á súa disposición os teléfonos 981 542 493 e 981 568 752 e o correo electrónico que acabamos de habilitar sae@santiagodecompostela.gal. para solicitar información ou plantexar as súas consultas.

Unha vez remate o período de visitas, e mentres se seguen atendendo as consultas do sector, ábrese unha fase de análise e tratamento de resultados que servirá para: detectar as necesidades que ten o sector e deseñar programas específicos que respondan ás mesmas e, nun plano individual, solventar as inquedanzas plantexadas polos estabelecementos mediante a elaboración de plans de individuais de mellora de comercios en activo e a posta en marcha de novas iniciativas comerciais ou de liñas de ampliación de negocio para os estabelecementos que o soliciten.

O Plan de Asesoramento ao Comercio é unha das liñas estratéxicas do Plan de Excelencia Comercial. É a evolución do Servizo de Asesoramento ao Comercio, que se adapta aínda máis as demandas e necesidades do sector, e que agora se integra no Servizo de Apoio á Empresa.

Compartir: