COMERCIO

A tenda de chocolate Xocoátel gaña a edición de outono do Concurso de Escaparatismo

20/10/2008 O xurado do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping elixiu á tenda de chocolate Xocoátel como a gañadora da edición de outono do certame. En segundo e terceiro lugar quedaron o estabelecemento de marroquinería Media Lúa e a tenda de comercio xusto Panxea, respectivamente.

Na edición de outono inscribíronse 22 comercios de diferentes sectores. Entre os participantes predominaban os de téxtil e confección, sobre todo moda infantil, e os de complementos. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de perruquería e estética, óptica, artesanía, alimentación, deportes, xoguetes, perfumarías, xoierías e xoguetarías. O obxectivo do certame é contribuír á dinamización e mellora dos comercios en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, foi o encargado de anunciar o nome do estabelecemento gañador, Xocoátel, situado na avenida Rosalía de Castro, 3. O xurado valorou a orixinalidade do plantexamento, unha mesa colocada para unha cea se samaín (halloween), cun mobiliario de época integrado no conxunto.

O segundo premio logrouno Media Lúa, situada na rúa Travesa, 5. Apreciouse neste comercio, habitual entre os premiados, a integración dun elemento vivo, neste caso a herba, o seu crecemento no escaparate. Neste conxunto destacaban varios bolsos, un dos elementos que comercializa.

O xurado acordou conceder o terceiro premio á tenda de comercio xusto Panxea, situada na rúa Gómez Ulla, 4. Valorou, sobre todo, a beleza e orixinalidade da composición que integraba elementos de orixe étnica moi sinxelos, como caixas e bixutería.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos en imaxe, marketing e comunicación, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos estabelecementos. Nesta valoración prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo e de 1.500 euros para o terceiro. O concurso, no que aínda queda por desenvolver a edición de Nadal, está dirixido a todos os locais comerciais da cidade. A principios de 2009 designarase un gañador final entre os estabelecementos que tivesen unha maior continuidade na súa imaxe ao longo do certame.

Compartir: