VÍAS VERDES

Os concellos de Santiago, Oroso e Ordes asinan o protocolo para a xestión da Corredoira Verde a Compostela

20/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o rexedor de Oroso, Manuel Mirás; e o concelleiro de Medio Ambiente de Ordes e primeiro tenente de alcalde deste municipio, Xesús Pedreira, asinaron no Pazo de Raxoi o protocolo para a creación, xestión, explotación e mantemento da Corredoira Verde a Compostela. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros de Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cienfuegos, e de Oroso, Xosé Pérez.

Poñer en valor estes camiños é o principal obxectivo desta iniciativa, segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. A constitución deste Consorcio é o primeiro paso nesa dirección, que levará finalmente a asumir o mantemento destas vías se conclúen favorablemente as negociacións con ADIF, titular das mesmas.

A Sionlla, Busto, Berdía e Nemenzo son as catro parroquias compostelás polas que discorren estas vías que, ademais de polos concellos de Oroso e Ordes, tocan os municipios de Tordoia e Cerceda, aos que tamén se convidará a participar no Consorcio. Sobre esta fórmula, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, explicou que "é a máis idónea para propiciar a colaboración entre distintas Administracións".

A recuperación de camiños de ferro en desuso e a súa transformación en "Corredoiras Verdes" é unha tendencia cada vez máis en auxe dado o gran valor ambiental, patrimonial, paisaxístico e turístico destes carreiros. Os concellos de Santiago de Compostela, Oroso e Ordes contan con 24 quilómetros de vías sen uso que, unha vez acondicionadas, resultarían moi doadas de transitar, tanto en bicicleta como camiñando, e constituirían un espazo de grande atractivo polo interese natural, paisaxístico e sociocultural.

Así mesmo, a transformación dese tramo na primeira "Corredoira Verde" de Galicia, tería unha gran transcendencia e repercusión no desenvolvemento socioeconómico e na promoción turística da zona na medida en que enlazaría, por unha ruta alternativa, a capital de Galicia cos concellos veciños.

Por todos estes motivos os Concellos de Santiago de Compostela, Ordes e Oroso consideran de grande interese xuntar os seus esforzos para solicitar de ADIF a cesión dese tramo de vía, e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño o seu acondicionamento como "Corredoira Verde". Os tres concellos asumirían en virtude deste protocolo a xestión, a promoción e o mantemento da citada corredoira verde.

Consonte co anteriormente exposto, os asinantes consideran que a forma máis idónea para a adopción de decisións conxuntas é a do Consorcio Local e comprométense a levar a cabo os acordos iniciais de creación do devandito Consorcio e a nomear representantes municipais na Comisión Xestora encargada de elaborar a proposta de Estatutos.

Nesta liña de traballo, e para poder compartir experiencias e coñecementos sobre vías verdes, a concellaría de Medio Ambiente do Concello de Santiago organiza o Foro de Iniciativas e Experiencias en Vías Verdes, que se celebrará na cidade o 22 de outubro. A inscrición ao foro é de balde e está aínda aberta para todas aquelas persoas interesadas no tema. A inscrición previa pode facerse na web www.viasverdes.com ou na propia concellaría, por mail, por fax ou persoándose nas súas oficinas.

Compartir: