CULTURA

Máis de 150 películas na XXII edición de Cineuropa

17/10/2008 O festival de cinema Cineuropa, organizado pola Concellería de Cultura, chega en novembro á súa XXII edición, convertindo unha vez máis a Compostela na capital do cine independente, social e de autor. Do 3 de novembro ao 3 de decembro poderemos ver en Santiago máis de 150 películas entre as que estarán os principais premios e filmes mais notorios dos diferentes festivais internacionais celebrados ao longo da tempada.

O día 3 será o pistoletazo de saída, que se celebrará coa proxección do filme La buena nueva, un achegamento ao papel da Igrexa Católica na Guerra Civil a través das vivencias dun xoven sacerdote. Precisamente, o actor vasco Unax Ugalde, quen interpreta a ese sacerdote novo, estará en Compostela na proxección do filme, acompañado da directora do mesmo, Helena Taberna. A inauguración da Sección Oficial será o seguinte día, o martes 4, coa estrea oficial de A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, rodada integramente en Compostela e protagonizada por Luis Tosar e Mercedes Sampietro.

No programa do festival, que se estenderá do 3 de novembro ao 3 de decembro, inclúense máis de 150 títulos, a cifra máis alta da historia do certame. Entre eles, as primicias do cinema europeo e internacional máis celebrado da temporada, con títulos como a Palma de Oro en Cannes Entre les murs, de Laurent Cantet; Gomorra, de Mateo Garrone; Still walking, de Hirozaki Kore-Eda; Blindness, a adaptación realizada por Fernando Meirelles da obra de José Saramago Ensaio da cegueira; ou a subversiva desmitificación que Jean Claude Van Damme fai de sí mesmo na esperada JCVD.

A XXII edición de Cineuropa terá entre os seus protagonistas a un dos cineastas europeos en activo máis puxantes: o francés Olivier Assayas, cuxa filmografía se ofrecerá nunha completa retrospectiva que incluirá a estrea do seu filme máis recente, As horas do verán. Igualmente, o festival anuncia unha sección onde se poderá apreciar a riqueza da colleita de cinema latinoamericano deste ano, con obras como a mexicana Intimidades de Shakespeare y Víctor Hugo; a colombiana Perro come perro; ou a arxentina Leonera, coa cal Pablo Trapero se consagrou en maio en Cannes.

En breve o festival dará a coñecer a totalidade do programa e a identidade do Premio Cineuropa desta XXII edición, recoñecemento que en 2007 recaeu en Jane Birkin, José Luis Guerín e Vicente Aranda.

Compartir: