MEDIO AMBIENTE

Asínase o protocolo para a constitución do consorcio que xestionará a Vía Verde de Compostela

17/10/2008 O luns 20 de outubro, representantes dos concellos de Santiago, Ordes e Oroso asinarán o protocolo para a constitución do consorcio que se encargará de xestionar a futura Vía Verde de Compostela. Este itinerario ecolóxico, máis de 24 quilómetros, que discorrerá entre os tres concellos, é unha iniciativa que ten sido impulsada dende a Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel.

Nesta liña de traballo, e para poder compartir experiencias e coñecementos sobre vías verdes, na mesma semana a Concellaría do Medio Ambiente organiza o Foro de Iniciativas e Experiencias en Vías Verdes, que se celebrará na cidade o 22 de outubro. A inscrición ao foro é de balde e está aínda aberta para todas aquelas persoas interesadas no tema. A inscrición previa pode facerse na web www.viasverdes.com ou na Concellaría do Medio Ambiente, por mail, por fax ou persoándose nas súas oficinas.

Este encontro celébrase coa finalidade de favorecer a implicación pública e privada no desenvolvemento destes itinerarios en Galicia e, nomeadamente, na Vía Verde de Compostela. O actos desenvolveranse no Auditorio de Galicia ao longo do 22 de outubro, desde as 9:30 ata as 19.30 horas. Hai xa máis de medio cento de inscritos cun perfil moi variado: alumnado universitario, membros de diferentes administracións locais, persoal da administración galega, empresariado, enxeñeiros,... que chegarán desde diferentes pontos de Galicia e mesmo de fóra do país.

Foro de Iniciativas e experiencias en Vías Verdes
O Foro desenvolverase en tres sesións que versarán sobre a colaboración institucional para o desenvolvemento das Vías Verdes; o deseño, xestión e mantemento das Vías Verdes; e a creación de emprego, desenvolvemento local e dinamización nestes itinerarios. O foro está dirixido a responsables políticos e técnicos, a expertos en medio ambiente, ecoturismo e desenvolvemento rural; a empresarios interesados no desenvolvemento de vías verdes; e a colectivos cidadáns interesados: ecoloxistas, asociacións de tempo libre, clubes de sendeirismo ou de ciclismo, asociacións veciñais, culturais, etc. Está aberto a calquera persoa que entenda que é do seu interese. É de balde pero require inscrición previa, que pode facerse na web www.viasverdes.com ou na Concellaría de Medio Ambiente, por mail, por fax ou persoándose nas súas oficinas

As Vías Verdes son antigos trazados ferroviarios reconvertidos en itinerarios non motorizados para desprazamentos a pé ou en bicicleta e para a práctica dun lecer activo e saudable. Actualmente, cando se cumpren 25 anos da creación das Vías Verdes, existen en España máis de 1.700 metros operativos destes itinerarios, agrupados en 70 rutas con diferente grao de desenvolvemento e distintos retos por diante. Neste contexto a Federación de Ferrocarrís Españois entende obrigado implementar fórmulas de intercambio, colaboración e promoción e, dado o interese de Compostela por promover unha Vía Verde no tramo férreo actualmente en desuso, de común acordo coa Concellaría de Medio Ambiente, organízase este foro.

Compartir: