XUVENTUDE

Xuventude entrega os premios aos grupos gañadores da primeira edición de "MúsicaXove"

17/10/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche a exposición fotográfica do I Certame MúsicaXove’08. Ademais, presidiu a entrega de premios aos gañadores deste concurso, celebrado ao longo do mes de xuño e ao que se presentaron 25 grupos.

Sinestesia, GS21, Thinking Twice e Pa La Peña foron os grupos gañadores nas modalidades de pop, autor-folk, metal e hip hop, respectivamente, Eles foron os elixidos entre os 14 que finalmente chegaron ás finais. Os premios: 2.000, 1.000 e 500 euros para os tres primeiros clasificados en cada categoría. O alcalde e o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, entregaron aos grupos a placa conmemorativa do seu paso polo certame.

Ademais destas placas e dos premios en metálico, dende Xuventude impulsouse a gravación dun CD conxunto para os gañadores e unha campaña promocional por toda Galicia, que incluíu un concerto o 31 de xullo no marco das Festas do Apóstolo.

Os mellores momentos en 40 fotografías
Os gañadores e demais participantes na fase final do Certame ven agora reflectido en fotografías os seus concertos grazas a esta exposición. É un xeito máis de amosar a súa creatividade musical e dar a coñecer as súas propostas.

A mostra ofrece 40 fotografías de cada un dos concertos do certame musical, realizadas por Andrés Fraga. As instantáneas captan o mellor de cada un dos concertos, con imaxes impactantes do bo facer de cada un dos grupos enriba do escenario da Sala Capitol. Para pechar a xornada, actuou o grupo gañador na categoría de pop, Sinestesia.

Documentos relacionados



Compartir: